Imaxe:

Virxe co Neno, Santa Ana e San Xosé

Autores/as:
Cronoloxía:
1490[ca]-1520[ca]

Esta táboa responde á arte pictórica flamenga de finais do século XV ou principios do XVI, de táboas de pequeno tamaño, destinadas á devoción en ámbitos privados, con escenas da Virxe e o Neno que, en ocasións, están acompañados por figuras de santos.

Ten as características estilísticas da pintura flamenga como son, a minuciosidade e a atención que se presta aos detalles como o tratamento das teas ou dos cabelos das figuras. Destaca a brillantez do colorido e apréciase un traballo delicado, tanto no emprego das tonalidades vivas da indumentaria da Virxe María e santa Ana, como nas transparencias do veo de María e a túnica de Jesús. É característica tamén a importancia da paisaxe, do que na táboa se fai un estudo coidadoso representando caserios, arboledas e un río. O interese pola creación de perspectiva concrétase nunha liña do horizonte alta e na gradación da cor cara aos grises azulados ao lonxe.

Na composición da escena, o Neno ocupa o lugar central entre a figura da Virxe e de santa Ana, destacando as relacións familiares entre a avoa, a súa filla e neto. Santa Ana sostén un libro aberto para simbolizar, segundo relatan os evanxeos apócrifos, que foi ela quen ensinou a ler á Virxe nena, unha representación que tivo gran aceptación na devoción popular.

Destácase a dimensión maternal de María que mira con tenrura ao Neno ao que santa Ana entrega unha pera, unha froita que na simboloxía cristiá adoita referirse ao amor pola humanidade de Cristo encarnado. Detrás deste grupo aparece santo José que alza o chapeu en sinal de humildade e adoración. Máis ao fondo, no edificio situado no lado dereito, atópanse as figuras de catro anxos, que simbolizan a presenza do divino na escena.

A táboa que serve de soporte á pintura é de madeira de carballo, un material que xunto á nogueira, eran as madeiras escollidas para a pintura ao óleo para favorecer a súa conservación, moi comúns nas producións de Flandes e os Países Baixos. Unha sólida organización gremial velaba pola alta calidade da pintura cuxa exportación proporcionaba cuantiosos ingresos aos talleres flamengos. Moitas das táboas desta procedencia chegaron a España a través do comercio artístico propiciado polas feiras castelás como as de Medina del Campo ou Medina de Rioseco.

Folla técnica

Número de inventario:
6587
Materia / Soporte:
Madeira de carballo
Autores/as:
Cronoloxía:
1490[ca]-1520[ca]
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Relixiosa. Iconografía Mariana
Procedencia:
Asignación. Decomiso: Ministerio de Cultura (O. M. 30/12/2025)
Historial:

Procede da Operación Altarpiece, unha operación de recuperación de obras de arte.

O 3 de xullo de 2025, no Palacio Real de Turín, as autoridades italianas fixeron entrega á administración española dun grupo de máis de sesenta bens culturais exportados ilegalmente desde España a Italia. A investigación, levada a cabo polo Grupo de Patrimonio Histórico da Unidade Central Operativa da Garda Civil e o Comando para a Tutela do Patrimonio Cultural da Arma dei Carabinieri, permitiu localizar este conxunto nunha vila situada á beira do Lago Maior.

Unha vez recuperadas as pezas, o Consello de Patrimonio Histórico Español acordou que as obras se repartisen entre distintos museos estatais. "Virxe co Neno, Santa Ana e San Xosé" foi asignada ao Museo de Belas Artes da Coruña.

Medidas:
Con marco: Altura = 73 cm; Anchura = 58,5 cm; Profundidade = 4,5 cm
Táboa: Altura = 60,5 cm; Anchura = 46,5 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro