Virxe do leite
Folla técnica
Obra restaurada
Presentámosvos a actuación levada a cabo no museo sobre o cadro A virxe do leite -obra anónima do século XVI-, cuxo delicado estado de conservación supuxo un arduo labor no laboratorio de restauración. O primeiro paso foi o diagnóstico e avaliación os danos producidos na táboa, comprobando as gretas, as faltas e os sucesivos repintes á que foi sometida ao longo do tempo. Posteriormente interveuse nela, consolidando o soporte, procedendo á eliminación dos repintes, á limpeza da capa pictórica e á reintegración das faltas, para finalizar cun novo vernizado que protexerá a peza durante as próximas décadas.

antes

despois
Despois de moitos meses de intenso e minucioso traballo, este espléndido cadro -un importante exemplo de pintura relixiosa renacentista- volve expoñerse no museo, onde loce mellor que nunca. Así, a institución cumpre novamente cunha das súas principais tarefas, como é a protección e conservación do noso patrimonio artístico.
A Virxe María con manto verde que lle cobre a cabeza e unha túnica aberta, sostén o Neno co brazo esquerdo e lévalle a cara ao peito. O neno está espido sobre un coxín e sostén unha mazá. Ambos están situados baixo un dosel de colgaduras. É unha das representacións da Virxe Nai, coñecida popularmente como Virxe do Leite. Este modelo de Virxe co Neno alcanzou gran difusión desde o período gótico, conforme a doutrina da Igrexa trataba de destacar a natureza humana de Cristo, en especial a súa Encarnación e Paixón. É unha imaxe que mostra os cambios producidos na arte, que pasou a reflectir os ideais naturalistas e unha nova espiritualidade máis intimista xurdidos no marco do humanismo renacentista. As actitudes solemnes de época medieval deron paso a representacións máis humanas e maternais nas que a nai se comunica co fillo. Pero se o modelo de Virxe lactante é un símbolo da tenrura maternal, os artistas expresaron co xesto grave e meditativo da nai o presaxio do drama ao que estaba destinado o seu fillo. A linguaxe simbólica da imaxe víase reforzado coa incorporación de elementos como flores, froitos ou paxaros, que encerraban un significado de tipo moral. Neste caso, o neno aparece sostendo unha mazá en alusión ao pecado de Adán e a superación do pecado pola morte na cruz, pois tanto este, como outros froitos, adoitaban asociarse coa finalidade redentora da súa Encarnación.