Alberto Datas

Un retrato de Alberto Datas

Coruña, 1935 - Madrid, 2007

Alberto Datas Panero iniciou a súa formación na cidade natal ata ingresar en 1956 na Escola de Belas Artes e Oficios, acudindo paralelamente ao estudo do acuarelista Mariano García Patiño. Ingresou despois na Escola de Belas Artes de San Fernando ata 1961, ano no que acudiu á Escola de Belas Artes de Venecia a estudar pintura mural. Posteriormente estudou na Academia Española de Roma dende 1965 ata 1968. A esta ampla formación engadiuse unha longa experiencia no ámbito docente, primeiro na Escola de Belas Artes de San Fernando e despois na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense.

Alberto Datas foi considerado como un referente polos artistas galegos do grupo Atlántica cos que colaborou na década dos anos oitenta: Antón Patiño, Xesús Vázquez, Francisco Leiro, Menchu Lamas, Reimundo Patiño ou Ánxel Huete, entre outros. Este grupo exemplificou a actitude rupturista e vangardista nas formulacións expresivas e Datas contribuíu a definir a filosofía do atlantismo dentro do espírito internacionalista.

 

O seu estilo

A súa traxectoria artística estivo marcada por unha constante procura de novos horizontes conceptuais e expresivos. Asimilou as novas tendencias creativas da segunda metade do século XX: A xestualidade de Jackson Pollock, o expresionismo, a abstracción con tinguiduras surrealistas de Ashile Gorky, o gusto polo garabato aprendido do Grupo Cobra, creou unha poética pictórica persoal que concedía grande importancia ao impulso persoal e á percepción vital, que mostrou habitualmente en lenzos de grandes dimensións. A partir de mediados dos anos setenta, o pintor abandonou a organización compositiva tradicional e as referencias ás figuras e á paisaxe, e pasou a introducir o xesto persoal na pincelada; un xesto disgregado polo azar co que os volumes se desmaterializaron e naceu un dinamismo a partir da tensión creada entre as liñas e as manchas de cor.


Descarga a guía didáctica a continuación ↓
Documentos:
Anexo Tamaño
aprendendo-con-datas.pdf 7.2 MB