Julia Minguillón
Un retrato de Julia Minguillón
Lugo, 1906 - Madrid, 1965
Aínda que naceu na cidade de Lugo, pronto se desprazou coa súa familia a Vilanova de Lourenzá, e posteriormente a Burgos e Valladolid, iniciando nesta última cidade a súa formación pictórica, antes de regresar xunto coa súa familia a Lugo en 1923. En 1924 e 1925 estudou en Madrid, na Escola de Artes e Oficios, antes de ser bolseira pola Deputación lucense para continuar os estudos na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Despois comezou a dar clases de debuxo, antes de introducirse no ámbito das exposicións colectivas.
Viviu a época da guerra civil con seus pais, en Vilanova de Lourenzá, ata que se casou no 1939 co redactor-xefe do diario lucense El Progreso, Francisco Leal Ínsua, e trasladouse a Lugo. Alí montou un estudo para pintar. Un ano despois foi operada dunha doenza, perdendo o fillo que esperaba. Durante a convalecencia pintou A escola de Doloriñas, cadro co que obtivo a primeira medalla na Exposición Nacional de 1941.
En 1952 realizou unha viaxe a París e posteriormente a Guatemala, onde residiu 15 meses, expoñendo e traballando na súa pintura. A última etapa vital pasouna en Madrid; na capital sufriu o falecemento de seu pai, e pouco despois enfermou dun linfosarcoma que a levou á morte o 20 de agosto de 1965.
Estilo e temas
En canto a súa obra, cabe dicir que toca todos os xéneros: a paisaxe, o retrato, a representación de flores ou o bodegón, esquemas que vai conxugar nas súas obras de gran formato.
A paisaxe e algúns bodegóns responden ao carácter íntimo cando a artista establece contactos directos coa contorna nos momentos que pasa en Viveiro, Vilanova de Lourenzá, Berán (Leiro, Ourense) ou Vigo, aos que se engaden a súa experiencia parisina e as súas últimas paisaxes de Madrid.
Son sobre todo nos óleos realizados en Lourenzá, nos que mostra un maior vínculo co costumismo. Unha das constantes no seu traballo foi a observación do modelo plástico cunha alta liña de horizonte onde prima o total sobre o particular.
Descarga a guía didáctica a continuación ↓
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| aprendendo-con-minguillon.pdf | 17.52 MB |