Manolo Paz

Un retrato de Manolo Paz

Castrelo (Cambados, Pontevedra), 1957
Nado no seo dunha familia humilde, dende pequeno tivo un gran interese polo medio natural no que vivía e pola creación tridimensional, tallando coa súa navalla xoguetes e obxectos. A pesares desta tendencia temperá, non orientou a súa profesión cara a creación artística inmediatamente, tendo distintos oficios antes de centrarse na escultura. Tras cumprir o servicio militar, Paz ingresou no 1977 na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela, onde soamente cursou un ano. Posteriormente, obtivo un contrato como profesor na Escola de Canteiros de Poio, compaxinando a súa ocupación docente coa creación escultórica e realizando numerosas exposicións individuais e
colectivas.

Foi tras unha viaxe a Nova York, en 1983, cando orientou a súa produción cara unha escultura de corte máis autóctono. A súa estancia nesta gran metrópole levouno a poñer atención nos símbolos tradicionais da cultura galega e no uso dos materiais autóctonos, especialmente o granito. En 1992 obtivo a bolsa de Creación Artística no Estranxeiro para creadores galegos de Unión Fenosa. Volveu entón para unha estancia longa de dous anos a Nova York.

Realizou numerosas obras públicas en distintos países, destacando Familia de Menhires, obra realizada no ano 1994 e situada na contorna da Torre de Hércules na Coruña. No ano 2010 creou a Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo, un espazo extraordinario onde a súa obra se funde co territorio da súa terra natal. No 2011 foi nomeado académico numerario da Real Academia Galega e de Belas Artes na sección de Escultura.

 

A importancia do material na súa obra: o granito

A presenza do granito en Galicia é tal que resulta practicamente inevitable velo e telo en conta. Esta presencia non é só xeolóxica nas nosas paisaxes; senón tamén na arquitectura rural, nas edificacións históricas máis representativas, nos muros dos castros, nas fachadas do barroco galego... Manolo Paz trata con enorme respecto o material que escolle; non soamente polo valor simbólico que este ten, senón sobre todo porque é o que coñece e o que ten máis preto. Manolo Paz recupera dalgún xeito a pedra como material escultórico da arte contemporánea, outorgándolle unhas posibilidades plásticas pouco habituais no granito. Poucos tipos de pedra representan tan ben como o granito as cualidades intrínsecas da rocha: o peso, a robustez, a rugosidade... Paz xoga co material descubríndonos en moitas ocasións o seu interior; abríndoo, alixeirándoo... dándolle unhas calidades extraordinarias.


Descarga a guía didáctica a continuación ↓
Documentos:
Anexo Tamaño
aprendendo-con-paz.pdf 46.67 MB