3, 2, 1... Acción!
Que pode dicir un corpo que se move? E que di cando se queda quieto? Por que algunhas figuras parecen bailar mentres outras se cruzan de brazos? Todo o que somos pasa polo corpo, e o corpo, sempre, comunica.
Nesta visita aprendemos a interpretar esa linguaxe. Exploramos como as pinturas e as esculturas capturan o movemento e as emocións, e descubrimos o que hai detrás de cada xesto, de cada postura e de cada mirada. Reproducimos xestos, poñémonos na pel das personaxes e descubrimos que moverse dunha maneira ou doutra cambia todo o que se transmite.
Unha visita dinámica e participativa pensada para desenvolver a empatía, a expresión corporal e a capacidade de comunicarse sen palabras. Porque a arte non só se contempla, tamén se vive, se interpreta e se transforma en movemento.