Proxecto MUSEO EN MOVEMENTO

Tipo de visita:
Visita virtual + taller en instalacións da entidade solicitante

MUSEO EN MOVEMENTO é un proxecto do Departamento de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña (Xunta de Galicia), promovido pola Asociación de Amigos do Museo e patrocinado pola Fundación Emalcsa a través do programa Cultura Accesible e Inclusiva.

Pensado para facilitar a accesibilidade e a vida cultura de persoas con diversidade funcional e en risco de exclusión, está dirixido a aqueles públicos que, por razóns múltiples, non poden ou teñen graves dificultades para desprazarse ás instalacións do museo. O museo trasládase aos distintos locais sociais, onde os participantes realizan unha aproximación lúdica e adaptada, ao edificio e á colección permanente do museo, tanto dende o punto de vista teórico coma práctico.

Dende 2021 o proxecto baséase na Realidade Virtual. Conta con tres tipos de experiencias, cada unha das cales desenvólvense durante dúas xornadas de traballo: unha visita virtual á colección do museo, realizada con axuda da realidade virtual (gafas de RV Oculus Quest 2, un software, a virtualización do espazo do museo ou dun cadro, e a galería dixital de obras procedentes da colección permanente do museo), e un obradoiro de artes plásticas, relacionado cos contidos traballados na visita. Rematados os talleres, as obras resultantes dos mesmos expóñense no museo.

 

Experiencias Inmersivas e Interactivas

1. Descubrir o museo

Apaixoante viaxe individual en 360º, que lles introducirá nos espazos internos do Museo, normalmente inaccesibles para o público (almacéns, laboratorio de restauración...), e no que poderán coñecer as actividades que habitualmente se realizan neles.
Obradoiro individual: os participantes traballarán cun caderno de actividades para estimular a atención, a destreza visual, as facultades motrices, etc.

2. Explorando a colección

Percorrido virtual e inmersivo, individual ou grupal, polas salas de exposición permanente do Museo. Para iso, ofreceranse seis salas polas que os participantes poderán moverse, manipular pezas en 3D, ampliar información sobre as obras, etc.Ao entrar a cada sala, recibirán unha breve introdución e despois poderán escoller as obras que máis lles interesen ou chamen a atención, das que recibirán unha información moi sinxela, activándoa coa súa propia man. Entre as obras, atoparán varias pezas en 3D que poderán “coller” virtualmente, o que fará a experiencia algo moi sorprendente. Este percorrido en modo individual non precisará de Wifi.

Obradoiro colectivo e con axuda dunha monitora: os participantes poderán decorar un prato de cerámica, xa que unha das salas que se percorren na visita é a de cerámica de Sargadelos. Esta actividade farase nunha segunda xornada, en formato grupal, e coa axuda dunha monitora.

3. A Torre de la Parada. Un espazo pictórico para Rubens

Visita 360º, virtual e inmersivo pola reconstrución virtual da Torre de la Parada, un pavillón de caza da época do rei Felipe IV que albergaba unha das coleccións de pinturas máis importantes da súa época (século XVII), na que traballaron artistas como Rubens ou Velázquez, e que foi destruído no século XIX. Esta reconstrución virtual permitirá percorrer todas a súas salas para contemplar os magníficos cadros que o decoraban, especialmente as 62 obras do ciclo mitolóxico deseñado por Rubens.

Obradoiro colectivo e con axuda dunha monitora: os participantes realizarán un colaxe sobre o tema da mitoloxía, relacionado coas pinturas que fixo Rubens para decorar o edificio. Esta actividade farase nunha segunda xornada, en formato grupal, e coa axuda dunha monitora.

 

Información práctica

Necesidades técnicas: Unha sala con cadeiras e mesas nos casos en que se realice taller. Requerirase Wifi para a realización das visitas nº2, nº3 (opción grupal). O modo invididual non o precisa.

Metodoloxía: a actividade desenvolverase ao longo de dúas xornadas (salvo a visita “Descubrir o museo”):

  • Primeira xornada: realización do itinerario virtual seleccionado
  • Segunda xornada: obradoiro relacionado cos contidos expostos na visita virtual, que reforzará a explicación á vez que fomentará o exercicio das súas aptitudes creativas.

Grupos: Poderán participar todas as persoas que o desexen, divididas en quendas de 11 participantes. Para atender á demanda existente, faranse diversas quendas.

Lugar de realización: Instalacións ou local social da entidade solicitante.

Datas: A actividade desenvolverase de abril a xuño, de luns a venres, en horario de mañá ou tarde. Rematados os talleres, montarase unha exposición con todos os traballos realizados, que poderá visitarse de xullo a agosto.

Duración das experiencias:

  • “Descubrir o museo”: 20 min de visita individual + obradoiro (pódese realizar no lugar e tempo desexados)
  • “Explorando a colección”: máximo 30 min de visita individual + obradoiro de cerámica (60 min)
  • “A Torre de la Parada. Un espazo pictórico para Rubens”: 20 min de visita individual + obradoiro de collaxe (60 min)

Experiencias anteriores

Edición 2020: Belas Artes ponse de moda

A historia da moda vista a través de diferentes pezas da colección do Museo de Belas Artes, descubrindo aspectos como a forma de vestir dos personaxes en función da súa posición social, as labores que desenvolvían, e dedicando unha especial atención á indumentaria popular en Galicia.
Por mor da pandemia, as visitas presenciais substituíronse por actividades virtuais, mediante videoconferencia ou tutoriais, para ás que se editou un caderno didáctico e deseñou un obradoiro específico.

 

Edición 2019: Encaixando a Luís Seoane

Centrada na obra de Luís Seoane, coincidindo co ano dedicado ao mencionado autor pola Academia de Belas Artes, a actividade consistiu no achegamento á obra do artista, a través dun itinerario virtual cunha selección de pezas e rematou cun obradoiro, deseñado e construído pola empresa de deseño gráfico e ilustración Milicia Gráfica, no que se lle daba cor a un quebracabezas de cartón que representaba obras do artista.

 

Edición 2018: As texturas na arte

Ao longo de dúas xornadas, descubríanse a historia e as curiosidades que encerran os materiais representados (e usados) nalgunhas obras do Museo: madeira, pedra, etc. para na seguinte sesión interactuar con eles estimulando os sentidos, os recordos e a creatividade.

 

Edición 2017: Museo en Movemento

A primeira edición centrábase na temática da paisaxe a través dunha selección de pezas da colección do Museo de Belas Artes. 
No caso do obradoiro, fíxose un collaxe a través dunha plantilla da obra Na fonte, de Manuel Colmeiro, que permitía traballar a memoria dos usuarios e usuarias.

Videos:
Video Url:
Video Url:
Video Url:
Video Url:
Video Url: