Un universo de arte
Pode unha escultura axudarnos a comprender o baleiro do espazo? E unha paisaxe ensinarnos por que existen as estacións do ano? Nesta visita, a arte convértese no fío condutor dunha experiencia que une ciencia, emoción e creatividade.
A partir dunha coidada selección de obras, os alumnos viaxarán por distintas paisaxes, climas e formas, mentres descobren como os movementos da Terra, as mareas ou a luz inflúen tanto no noso planeta como na forma en que os artistas o representan. Pero non será unha visita pasiva: a través de dinámicas grupais, fomentarase a participación activa, o traballo cooperativo e a creación plástica, con propostas que combinan a expresión artística con conceptos curriculares de Ciencias Naturais e Educación Artística.
Deseñada especificamente para terceiro de primaria, esta experiencia conecta contidos escolares con vivencias sensoriais, fomentando a observación, a curiosidade e o pensamento simbólico. Unha proposta interdisciplinar e estimulante que convida a mirar o museo (e o mundo) con novos ollos.