Imaxe:
Paisaxe
Folla técnica
Número de inventario:
3286
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Romanticismo
Cronoloxía:
1892 [ca]
Clasificación:
Pintura
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (19/04/1968)
Historial:
Depositado polo Ministerio de Fomento por R. O. de 16- 06- 1896, na Escola de Artes e Oficios da Coruña.
Pasou ao Museo de Belas Artes por O. M. de 2-07-1946.
Medidas:
Con marco: Altura = 208,5 cm; Anchura = 333,5 cm; Profundidade = 9,5 cm
Lenzo: Altura = 172 cm; Anchura = 297 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
Modesto Urgell, dramaturgo e pintor mostra námbalas dúas facetas unha confluencia temática e ambiental, mais con todo resulta difícil de clasificar estilísticamente nun fin de século en cos ismos se suceden con gran dinamismo. Estuda na Escola de Llotja con Martí Alsina, as súas ensinanzas sobre o paisaxismo realista supuxeron para Cataluña o que os ensinos de Carlos de Haes para Madrid, alí tamén recibe o maxisterio de Lluis Rigalt. Posteriormente viaxa a Paris onde coñece a Corot e Courbet un dos realistas máis salientables do momento e entra en contacto cos pintores da Escuela de Barbizón; en 1870 trala epidemia que afecta a Barcelona Urgell trasládase a Olot, lugar onde Joaquin Vayreda fundara unha Escola Artística que tivo gran repercusión no paisaxismo catalán e onde Urgell se inclína definitivamente por este xénero.
A partir de toda esa bagaxe realista que o pintor foi asimilando crea un estilo persoal e uniforme que en ocasións lle tacharon de inmobilista e que el mesmo chegou a nomear como "o de sempre". Dedícase a percorrer os distintos lugares e comarcas de Cataluña en busca dunhas paisaxes abruptas, ásperas, pobres que están lonxe das paisaxes pintadas en Barbizón ou Olot de vexetación verde, terras produtivas e fértiles e polo tanto diferenciadas das representadas nesta obra. Á paisaxe agreste une a procura da Cataluña rural oposta á de progreso e en especial busca os pobos residuais, semiabandonados, casaríos illados ruinosos como o que aparece nesta pintura, noutras ocasións pinta igrexas, ermidas ou cemiterios e praias solitarias.
Son pinturas reducidas ao esencial, con todo, a figura humana case sempre aparece, inicialmente máis próxima a unha iconografía costumista e integrada en escenas rurais nas que os animais domésticos tiñan o seu lugar propio. Co tempo as figuras empequenécense e perden a súa autonomía para pasar a ser simples elementos da paisaxe como sucede neste caso. Tampouco é difícil atoparnos nas súas pinturas coa dicotomía de ver como nas construcións vellas e semiderruidas xorden chemineas desprendendo fume. En definitiva son os elementos vivos, correntes, cotiáns dunha Cataluña vella en proceso de desaparecer que nos mostran a Modesto Urgell como un pintor realista (que parte do real).
No entanto, para ter unha visión completa da súa obra é preciso lembrar a formación que recibe do pintor romántico Lluis Rigalt ao que gusta pintar ruínas ou, á mesma Escuela de Barbizón que parte dunha ascendencia romántica. Urgell sae a tomar anotacións polos distintos lugares interesándose principalmente polo momento, xeralmente o atardecer, a hora crepuscular e a captación dun clima de choiva, vento ou frío como parece que se capta nesta pintura. Partindo deses presupostos reais o artista cunha gran subxectividade elabora a ambientación e atmosfera que os envolve. Así o uso dunha luz crepuscular, unha gama tonal suave e limitada que uniformiza o conxunto, unha pincelada vigorosa, ás veces pastosa e aplicada seguindo trazos diferentes que confiren inquietantes celaxes ou a creación dun horizonte que se perde ao lonxe. Son factores determinantes convertidos nos protagonistas que se superpoñen ao cotián logrando na maioría dos casos unha ambientación enigmática, chea de tristeza, soidade e nostalxia, unha quietude que inquieta, que xunto ás construcións ruinosas (decadencia) ou noutros casos ás igrexas ou camposantos (morte) trasládannos a uns ambientes desolados e misteriosos propios do romanticismo.