Alison & Peter Smithson. Da casa do futuro á casa de hoxe

Do 23 de marzo ao 31 de agosto de 2007
-
Sala de exposicións temporais
Organiza:
Museo de Belas Artes, Design Museum (London), TuDelft
Comisario:
Max Risselada
Catálogo:
Si

A exposición Alison & Peter Smithson. Da Casa do Futuro á casa de hoxe, producida polo Design Museum de Londres e a holandesa Universidade de Tecnoloxía de Delft, está dedicada ao matrimonio de arquitectos ingleses formado por Alison Margaret Gill (1928-1993) e Peter Denham Smithson (1923-1993), casados en 1949, e cuxa obra marcou a evolución da arquitectura do Movemento Moderno despois da Segunda Guerra Mundial. Os seus polémicos deseños, nos que abordan cuestións tan candentes como o xurdimento da sociedade de consumo e a orientación do urbanismo, sentaron as bases do Novo Brutalismo e do Movemento da Arte Pop dos anos sesenta.


A mostra está montada en torno ao arquivo persoal da parella e a diversas coleccións particulares: alberga maquetas, fotografías, croques, planos, mobiliario e imaxes de vídeo que abarcan medio século de producción arquitectónica –de 1952 a 2002–, reparando de xeito especial en dous proxectos señeiros dos Smithson, a Casa do Futuro –creada para a exposición Casa Ideal organizada polo Daily Mail en 1956– e a Hexenhaus (Casa de bruxas), unha casa construída na Alemaña rural sucesivamente modificada polo tándem entre 1986 e 2002.


A exposición, comisariada por Max Risselada, divídese en seis apartados: A ordenación do conglomerado. Casas que crecen –proxectos desenvolvidos durante anos para clientes asiduos da parella a través de distintas intervencións dedicadas a "mellorar e intensificar as cualidades da vivenda e conectar a casa e o seu espazo co entorno"–; O cambio. Casas a partir de ideas –propostas alternativas á vivenda suburbana convencional–; Novo Brutalismo. Proxectos privados –solucións diferentes ao mesmo problema en función dos requirimentos do encargo e as características concretas de cada lugar–; Sen retórica. Prototipos para unha casa suburbana –prefabricación e estandarización na construcción–; Estructuración urbana. Modelos para bloques de vivendas e urbanizacións –novos conceptos en planificación urbanística–; e A arte de habitar. As casas dos Smithson –un percorrido por dúas das residencias habitadas pola parella–.