
Luís Seoane no Museo de Belas Artes da Coruña O legado de Maruxa Seoane
LUIS SEOANE NO MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA.
O LEGADO DE MARUXA SEOANE
O Museo de Belas Artes da Coruña posúe unha importante colección de obras pertencentes a un dos máis grandes artistas galegos representante das vangardas históricas do século XX e figura indiscutible do sentir cultural e político do exilio e a emigración galega en Bos Aires e América, o polifacético pintor Luís Seoane.
As obras foron legadas ao Museo a través da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes por vontade da súa viúva, Elvira Fernández (Maruxa Seoane) que dedicou o seu esforzo ao fomento, conservación, retorno e difusión en Galicia do legado do seu home. Dito legado componse de 42 óleos, 252 gravados soltos e en cartafoles, e 6 libros ilustrados.
Ante a especial relevancia desta colección, e coincidindo co feito de que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas á figura de Luís Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña quere dedicar unha gran exposición á vida e obra do citado autor, poñendo un especial acento na persoa de Maruxa Seoan, como promotora do importante legado, expoñendo a totalidade do mesmo.
Así, partindo das obras que integran a citada colección, onde se representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos, o discurso expositivo pretende facer un achegamento á obra do pintor, desde principios dos 50 ata pouco antes do seu falecemento en 1979, ao longo de catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico: a muller galega, a natureza e a paisaxe, a guerra e a denuncia social e os mitos, tradicións e lendas, temas todos eles que nos falan da existencia dun pasado cultural e unha iconografía propia.
Ademais, a exposición incorpora unha sección introdutoria de carácter pedagóxico, onde se desmenuzan, baixo unha formulación estritamente didáctica, as distintas facetas desenvoltas ao longo da súa obra (pintor, gravador, ilustrador, cartelista), así como os procedementos e as técnicas empregadas. Con axuda de obras orixinais, vídeos, textos e maquetas nesta sección explícansenos as distintas técnicas de gravado empregadas (xilografía, serigrafía e litografía), a evolución estilística e formal das súas representacións ou a actividade despregada como deseñador gráfico.
De forma paralela, realizouse un catálogo razoado que recolle as fichas de inventario e as fotografías da colección íntegra.
Como actividades educativas complementarias á mostra, están programadas visitas guiadas a centros escolares, grupos e visitantes individuais, así como obradoiros de gravado onde se traballarán as técnicas empregadas por Seoane.
Acceso á VISITA VIRTUAL
ACTIVIDADES
VISITAS GUIADAS
VISITAS LIBRES
A partir do 11 de xaneiro de 2020
-Sábados ás 18:30 horas
GRUPOS CULTURAIS
-Mércores ás 18:30 horas
-Xoves e venres ás 12:00 horas
Máximo 25 persoas, mínimo 15 persoas.
Solicitude: mu.belas.artes.difusion@xunta.gal
CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN
O Museo de Belas Artes elaborou un catálogo razoado que recolle as fichas de inventario e as fotografías da colección íntegra da obra gráfica e pictórica do polifacético autor coruñés, procedente do importante legado efectuado á citada institución por Maruxa Seoane, viúva do pintor.