As copias das pinturas de Velázquez obedecen ao desexo ilustrado de divulgar a arte e a cultura española mediante a estampa, proxecto que desembocaría na posterior creación da Calcografía Nacional.

Ao abordar este serie, Goya carece de experiencia como gravador, o que non lle impide romper coa técnica academicista tradicional da talla doce e apostar pola linguaxe do augaforte, máis libre e dinámico, que lle permitirá captar con maior eficacia as veladuras e transparencias velazqueñas.

Consciente da diferenza de resultados entre o gravado e a obra velazqueña, centrará os seus esforzos en captar os efectos pictóricos fronte á copia veraz. Aos poucos evoluciona cara a unha maior depuración formal, co uso da punta seca e o buril, e introducindo a augatinta nas súas estampas finais, un recurso co que reflectir mellor os efectos pictoricistas.

O Museo de Belas Artes da Coruña custodia desde 1993 trece gravados desta serie que pertencen a unha edición realizada en 1936 e que foi adquirida pola Real Academia Galega de Belas Artes.