O descubrimento da Púrpura
O autor
Theodoor Van Thulden foi un pintor, debuxante e gravador flamengo. Entrou no Gremio de San Lucas de Amberes en 1626, do que foi decano cara a 1640. Entre 1631 e 1633 visitou Francia, onde tivo coñecemento da pintura manierista da escola de Fontainebleau, e en 1636 participou noutro proxecto de Rubens, a realización dos deseños para a Torre de la Parada en Madrid. Nestas pinturas, logrou un estilo independente, ao contrario que outros autores que realizan os seus lenzos á maneira de Rubens. Tamén foi reclamado para realizar cadros de altar, nos que seguiu a liña de Van Dyck ou Gaspar de Crayer, creando un tipo de pintura onde destaca a monumentalidade das figuras, ao modo de Rubens, que foron amplamente difundidas a partir de gravados.
O mito
Cóntase que durante un paseo de Hércules co seu can pola praia da cidade de Tiro, o animal mordeu un caracol mariño e a súa boca tinguiuse de cor púrpura, descubrindo un dos pigmentos máis apreciados na antigüidade. O achado do tinte púrpura, unha cor que se converteu durante séculos en símbolo de prestixio e da realeza, quedaba así vinculado a un episodio mítico e á cidade fenicia de Tiro, o principal centro comercial do pigmento na antigüidade.
A obra
O lenzo formaba parte da decoración da Torre de la Parada e Thulden tomou como modelo o bosquexo realizado por Rubens que se conserva no Museo Bonnat de Bayona (Francia) onde segue a historia que relata no século II o escritor grego Julio Pólux en Onomasticon. Na pintura vemos a Hércules identificado coa pel do león e un carcaj con frechas e ao seu can co fuciño tinguido. A recreación da cidade amurallada de Tiro e o seu porto serven de escenario.
