A caída de Ícaro

O autor

Jacob Peter Gowy foi un pintor flamengo que traballou con Rubens no proxecto de pintura mitolóxica para a Torre de la Parada; un pavillón de caza que o rei Felipe IV tiña ás aforas de Madrid. Se ben Rubens deseñou o bosquexo para este cadro, Gowy fixo pequenas modificacións. No Museo Nacional del Prado hai outro cadro de Gowy feito para o encargo da Torre de la Parada. Trátase da obra: “Hipómenes y Atalanta”.

 

O mito

Dédalo é, na mitoloxía grega, un gran arquitecto e constructor. Durante a súa vida fixo numerosos encargos, sendo un dos máis famosos o labirinto no que o rei de Creta, Minos, encerrou ao temido minotauro, un monstro metade home metade touro.

Aínda estando preso, cada ano o minotauro devoraba catorce mozos atenienses que eran entregados en sacrificio como pago por perder a guerra contra Minos. Farto desta situación, un valente mozo chamado Teseo decidiu matar ao monstro, e para iso, contou coa axuda da princesa de Atenas, Ariadna, que estaba profundamente namorada del. Ambos lle pediron consello ao arquitecto que lles confesou o truco para que Teseo pudiera salir do labirinto unha vez matase á besta: tiña que atar un nobelo de fío á porta e ir desprazándose polo seu interior mentres este se desfacía, asi ao volver só tería que ir recolléndoo.

Cando Minos se enterou de que Dédalo lle axudara á parella, castigouno encerrándoo xunto co seu fillo Ícaro. Para escapar, o enxeñoso Dédalo tramou un plan: construír unhas ás para saír voando. Recolectaron plumas de diferentes paxaros, e fixándose nas súas ás, foi uníndoas coa axuda de fío e cera. Cada un co seu par de ás, saíron voando da illa de Creta. Ícaro levaba instrucións moi precisas de seu pai: non podía voar moi baixo, pois o mar podía humedecer as súas ás e darlles demasiado peso, e tampouco podía voar moi alto, pois a calor do sol podía derreter a cera que unía as plumas. Sen embargo, o mozo desobedeceu as indicacións de seu pai, alzou demasiado o voo achegándose perigosamente ao sol, o que fixo que a cera se fundise e caese ao mar. Conta a lenda que no mar Exeo, xusto no lugar onde caeu Ícaro, xurdiu unha fermosa illa onde sempre fai sol chamada Icaria na súa honra.

 

A obra

A obra representa o momento xusto no que Ícaro está a piques de caer ó mar. Con todo o corpo retorcido nun escorzo imposible, podemos ver na súa cara a expresión do terror. Dédalo xira o corpo contemplando a traxedia. Na beira do mar, observamos a cidade de Creta e, camiñando cara ela, dous personaxes con algo nas mans: poderían ser dous pescadores coas redes volvendo a súa casa ou podería tratarse dos propios Dédalo e Ícaro cargando coas ás antes de botarse a voar. Este cadro pintouse na época Barroca; un momento no que é habitual representar escenas dramáticas e cheas de tensión como vemos nesta obra.

ícaro