Erictonio e as Cecrópidas
O autor
Willem van Herp I foi un pintor flamengo que se formou artísticamente arredor dos anos 1625-1629. Entre o 1637 e o 1638 aparece matriculado no Gremio de San Lucas de Amberes como mestre. A súa produción artística baséase en composicións relixiosas, a miúdo de pequeno formato, que repetiu de xeito case industrial. A partir de 1651 comezou a traballar para o mercader de arte Matthijs Musson, momento no que a súa produción se multiplicou e foi recoñecida a través de numerosas réplicas, que son á súa vez copias de obras de Rubens e Van Dyck, entre as que abundan os temas mitolóxicos.
O mito
Atenea foi á fragua de Hefesto para encargarlle unha armadura nova. Hefesto, que estaba namorado dela, intentou violala pero non o logrou, caendo o seu seme ao chan e fecundando accidentalmente a Gea (a terra).
Desta unión naceu Erictonio, un bebé con pernas de serpe. A súa condición fixo que fose rexeitado por todos a excepción de Atenea, que se apiadou del meténdoo nun cesto e confiando o seu coidado ás cecrópidas, coñecidas así por ser fillas de Cécrope, o rei de Atenas. Estas tiñan a condición de coidar ao bebé sen abrir a cesta, pero incitadas pola curiosidade incumpliron o mandato da deusa e quedaron tan horrorizadas e asustadas que se precipitaron dende o alto da Acrópole. Ante a furia do rei, Erictonio refuxiouse tras o escudo de Atenea.
A obra
No cadro vemos representado o momento no que as fillas de Cécrope, acomapañadas por unha muller máis maior, incumplen o mandato de Atenea e destapan a cesta descubrindo as serpes do corpo do pequeno Erictonio.
A escena desenvólvese nun fermoso xardín onde hai un estanque, unha cariátide e un atlante que enmarcan unha arquitectura clásica. As formas sinuosas dos corpos espidos femininos e as cores brillantes mostran unha clara influencia do estilo de Rubens, quen tamén intrepretou este extraño mito.
