Psique

O autor

Nado en Westfalia, en 1577, Pedro Pablo Rubens foi un dos pintores europeos máis importantes de todo o século XVII. A súa obra foi moi abondosa, característica e diversa en temáticas; realizou obra relixiosa, histórica, retratística e mitolóxica.

Rubens desfrutou dun gran éxito ao longo da súa vida. A súa pintura caracterízase pola viveza das cores, polo movemento vitalidade das súas figuras e pola grande imaxinación que mostra á hora de narrar historias a través das súas representacións.

Traballou por encargo para distintas dinastías e familias europeas. Un dos traballos máis importantes que recibiu foi por parte do monarca Felipe IV para á Torre de la Parada. Entre 1736 e 1738, Rubens e os seus aprendices traballaron incansablemente para redecorar este pavillón de caza. A Torre de la Parada fora construída no século XVI, mais nesta época someteuse a unha importante reforma arquitectónica e artística. Felipe IV chamou a algúns dos mestres máis importantes da pintura barroca e Rubens foi o encargado de deseñar máis de sesenta escenas mitolóxicas. Realizou os bosquexos en pequenas táboas de madeira que servirían para ser reproducidos a gran formato por algúns dos seus discípulos. Un deses bosquexos é esta Psique.

 

O mito

Psique foi unha fermosísima princesa, a filla máis nova do rei de Anatolia. A súa beleza era tan deslumbrante que era adorada polos homes coma se fose unha deusa. Isto espertou os celos de Afrodita que obrigou ao seu fillo Eros (Cupido ou Amor para os romanos) a lanzarlle unha frecha de amor oxidada coa que condenala a namorarse do home máis horrible e vil que puidese existir.

Cando Eros foi cumplir os desexos da súa nai e descubriu a beleza de Psique, ficou namorado dela inmediatamente, polo que fallou o frechazo e en canto Psique se durmiu, raptouna e levouna ao seu pazo. Eros inventouse unha fórmula para estar con Psique sen enfadar a Afrodita: a princesa pasaría o día soa no pazo e atoparíanse pola noite ás escuras.

Psique pasaba todo o día soa e botaba moito de menos as súas irmás, polo que lle pediu permiso a Eros para velas. Este concedeullo e cando as irmás lle preguntaron polo aspecto do seu mozo e Psique non soubo responder, estas asustadas por se era un monstro, animárona a descubrir a súa identidade.

Esa mesma noite, Psique agardou a que Eros se durmise e acendeu un candil para observalo. Ao descubrir á tremenda beleza do máis fermoso dos deuses, Psique emocionouse de tal xeito que unha pinga de aceite caeu sobre o peito do noivo, quen espertou alporizado e, sentíndose traizoado por Psique, abandonouna.

Psique, desconsolada, acudiu a Afrodita para pedirlle que intercedera para recuperar o amor do seu fillo. A deusa chea de rancor, mandoulle realizar catro complicadas tarefas, sendo a última a máis perigosa. Consistía en baixar ao Hades para pedirlle a Perséfone, raíña do inframundo, un pouco da sua beleza e metela nun frasco.

Superadas as tres primeiras, comezou o duro camiño aos infernos, no que Psique venceu moitos obstáculos como enganar ao Can Cerbeiro ou convencer a Caronte para que a transportase polo inframundo. Cando chegou onde Perséfone, esta emocionouse pola súa fazaña e accedeu a darlle un pouco da súa beleza. Na camiño de volta, a curiosidade de Psique levouna a abrir o frasco e tomar un pouco da beleza, pero nese momento brotou un cheiro que provocou o seu sono eterno.

Psique quedou durmida inmediatamente, pero cando Eros soubo da aventura da súa amada e de todo o que fixera por recuperar o seu amor, acudiu rapidamente a despertala e interceder ante súa nai e Zeus, o deus de deuses, para que lles permitisen casar.

Zeus accedeu aos desexos de Eros convertindo en inmortal á princesa. Afrodita reconciliouse con Psique danzando na súa voda e Psique e Eros viviron por sempre xuntos no Olimpo.

 

A obra

Psique representa á fermosa princesa que foi quen de namorar a Cupido, fillo de Afrodita. Aparece representada sostendo coa man dereita o pequeno frasco que contiña a auga de xuventude e a beleza; do que saería o vapor que provocaría o seu longo letargo. Psique, cun movemento ondulante, sitúase sobre unha nube. Destacan os pregos da roupa e a dozura da faciana. Rubens representou con moita mestría en numerosísimas obras o corpo feminino.

En ocasións, a figura que aparece representada nesta tablilla identificouse tamén con Aurora. Na mitoloxía romana, Aurora é a deusa que personifica o amencer; coa chegada do novo día Aurora voa a través do ceo para anunciar a chegada do sol.

psique

 

 

 

Unhas táboas moi viaxeiras

En 1710, durante a Guerra da Sucesión, a Torre de la Parada resulta saqueada e incendiada, estragándose a maior parte das súas pinturas. Nese momento pérdese a pista de Dédalo e o Minotauro e Psique; os dous bosquexos realizados por Rubens cos que conta a colección do Museo.

En 1895 Dona Elvira Arévalo Gener, coruñesa residente en Madrid, légaas como fondos á Biblioteca do Consulado da Coruña coa intención de que formen parte da colección dun futuro Museo de Belas Artes da Coruña, que naquela época comezaba a xestarse. A partir de 1946 as obras expóñense no Museo, no antigo edificio do Consulado. Alí pasaron corenta anos sendo contempladas polo público da cidade ata que, o 16 de setembro de 1985, un visitante do museo rouba os cadros e desaparece misteriosamente. Unha vez máis os cadros iniciron unha viaxe, desta volta nun percorrido que os levaou a Suecia, onde apareceu Dédalo e o Minotauro, e aos Estados Unidos, onde apareceu Psique.

Recuperáronse a tempo para ser expostas no actual Museo cando se inaugurou en 1995. Dende ese día non se moveron das instalacións do Museo de Belas Artes e agardamos que non inicien unha nova viaxe.