Celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial

16 de novembro de 2020

O Museo de Belas Artes da Coruña súmase un ano máis á celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial que se celebra o 16 de novembro, para poñer en valor o noso patrimonio cultural e artístico.

Por iso, o luns 16 de novembro realizará diversas publicacións nas súas redes sociais relativas ao noso patrimonio arquitectónico e artístico:

Por unha banda tratarase a historia da transformación do solar onde se ubica o actual edificio do museo. Neste solar asentábase desde o século XVIII o Convento das monxas Capuchinas coa súa igrexa, feito polo arquitecto Fernando Casas y Novoa. O devir do convento levouno a un estado ruinoso ata que no ano 1986, o Ministerio de Cultura encarga a Manuel Gallego Jorreto o deseño dun novo edificio para o Museo de Belas Artes da Coruña, que se ubicará neste solar.

Neste novo edificio se combina a arquitectura do vello convento das Capuchinas, mantendo e recuperando unha ala do claustro, co edificio de nova planta, no que predomina o uso do granito, o cristal e a madeira. Inaugurado o 12 de decembro de 1995, o edificio é  galardoado en 1997 co Premio Nacional de Arquitectura.

En relación cos contidos da actual exposición temporal do museo, “Vestir épocas 1860-1960. A colección González-Moro”, na que se exhibe un conxunto de vestimentas e accesorios confeccionados por modistas e xastres locais seguindo patróns da moda parisiense e americana, o Museo dará a coñecer unha publicación de moda custodiada entre os seus fondos bibliográficos e documentais: son varios exemplares de prensa feminina de moda de finais do século XIX, titulados “La Moda Elegante Ilustrada”, que saía á venda con periodicidade para amosar as modas e as últimas tendencias no vestir. Estas publicacións comprábanas a clase burguesa para estar ao día no devenir da moda e así encargar a confección das distintas prendas ás súas modistas e xastres particulares.


+info

Sitio web do museo: http://museobelasartescoruna.xunta.gal

Redes Sociais: FacebookTwitterInstagram