banner exposicion Legado EPB

Inauguración da Exposición sobre Emilia Pardo Bazán

LEGADO DE EMILIA PARDO BAZÁN NO MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

ORGANIZA: Museo de Belas Artes da Coruña
PATROCINA: Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
LUGAR: Sala 5 do Museo de Belas Artes da Coruña
DATA: Xoves, 21 de outubro de 2021
HORA: 10:30h

Hoxe, 21 de outubro de 2021, ás 10:30h, inaugurouse a exposición "Legado Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña", unha mostra que trata de dar a coñecer os obxectos pertencentes ao legado da familia de Emilia Pardo Bazán por medio dunha singular intervención arquitectónica instalada na sala dedicada á pintura de finais do século XIX e principios do século XX do Museo de Belas Artes da Coruña. A instalación complétase con outros fondos da propia colección do Museo, que permiten recrear o que foi a vida coruñesa da época da célebre escritora e os ambientes e personaxes que tiñan relación con dona Emilia.

Ao acto asistiron Anxo M. Lorenzo, Secretario xeral de Cultura e a Subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Carmen Calviño; ademais, contou coa presenza da condesa de Pardo Bazán e presidenta da Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro; así coma do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Todos eles acompañados pola directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque, que realizou un percorrido guiado pola exposición.

A exposición enmárcase dentro da celebración do centenario do pasamento da célebre escritora galega Emilia Pardo Bazán, dentro da programación conmemorativa da Xunta de Galicia.

A mostra poderá ser visitada ata finais do mes de marzo de 2022.


Para máis información: Legado Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña.