O Museo co Día das Letras Galegas

Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) e Tomás Barros (1922-1986) mantiveron unha profunda amizade desde que se coñeceron en Ferrol. Cara a 1948, Carvalho Calero anima a Tomás Barros e a Miguel Carlos Vidal a cofundar e editar unha revista literaria de poesía e crítica que denominaron Aturuxo.

O primeiro número sae no verán de 1952 e, grazas ao apoio de Carvalho Calero, participaron con poemas artistas como Otero Pedrayo, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Luz Pozo Garza, Pura Vázquez, Angel Johan e Ramón González-Alegre Bálgoma.​​​​​​

Fotografía

El poeta Carballo Calero y yo. Lugo, 29-IX-56

 

Agradecemos a Margarita Carballo-Calero Ramos a cesión para esta actividade conmemorativa da imaxe deste retrato do seu pai, realizado en 1949 por Tomás Barros, artista representado na colección do museo grazas ás obras doadas recentemente polo seu fillo, Tomás Barros Cao.

 

Retrato de poeta

Detrás dun tabuleiro,

detrás dun tabuleiro

vermello, cuja xerfa

peitan, coas suas rabelas ou quillas,

peixes verdes en ringla, e na que jacen

unha mazá docemente mordida

e un dado -cubicada sorte ou

cuadratura fatal-,

sentado, está o poeta.

Sobre o brazo do asento, 

un cóbado, e a man depondorada;

entre o polegar e o índice,

un anaco de ar

onde houbo algo que se foi,

do que a gema dos dedos ten

saudade.

A branca americana

de candidato á pretura do inferno;

o colo, baixo o pudor da camisa,

enforcado pola gravata azul;

e a chola monda,

que o leme do nariz conduz de

esguello,

pesada, dura e triste,

nun aceno de séria

produra, aceda e cansa.

Sobre un fundo de pontes, onde hai

árbores

que retorcen os brazos como

espiritados, árbores

de roxos froitos.

Retrato de Carballo Calero

Retrato de Ricardo Carvalho Calero, Tomás Barros, 1949

 

E un ollo de loito viola o pecho azul.

Adán e Eva,

dous monifates de pintado azúcar,

aspergidos de follas e mazás,

parolan baixo as ponlas prohibidas,

cinguidos pola serpe.

E as orellas do poeta

medran atal as dun sátiro triste

no seu rostro de lama

cujos ollos ja leron os oráculos

e cujas moas ja non roen a vida

como a carne dun deusa cazada

na fraga do solpor.