Presentación Catálogo exposición "A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo"
LUGAR: Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña
DATA: Mércores, 26 de novembro de 2025
HORA: 19:00h
O Museo de Belas Artes da Coruña presenta o catálogo da exposición “A BARCA DE CARONTE. A TRAVESÍA VITAL DE ISAAC DÍAZ PARDO", mostra inaugurada o pasado 19 de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña, que analiza o percorrido creativo do artista, desde as artes plásticas ata o deseño industrial.
O acto estará dirixido pola directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque, e contará coa participación do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o comisario da exposición, Xosé Díaz Arias de Castro.
O acto levarase a cabo o mércores 26 de novembro ás 19 horas no salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña.
O catálogo
O catálogo articúlase ao redor das cinco seccións nas que se divide a mostra, coas que se pretende amosar esa traxectoria vital de Isaac Díaz Pardo, desde a súa primeira etapa pictórica ata a derradeira, deseñística e industrial, pasando pola etapa de transición plástica e a do estudo e posta en práctica dos sinais que trasmite a tradición e a memoria, coa creación do Laboratorio de Formas de Galicia e os seus proxectos.
A publicación conta con textos de Mª Victoria Carballo Calero Ramos (escritora e crítica de arte e literatura), Juan Manuel Bonet Planes (exdirector do IVAM, do MNCARS e do Instituto Cervantes), Xosé Luis Axeitos (Académico da RAG), Ruy Farías Iglesias (Universidade de Bos Aires), Lourenzo Fernández Prieto (Universidade de Santiago de Compostela), Inmaculada Real López (Universidad Complutense de Madrid),e Antonio S. Río Vázquez (Universidade da Coruña).
Engade un artigo de Xosé Díaz Arias de Castro, comisario da mostra e fillo do artista, sobre as dúas pezas tituladas "A Barca de Caronte".
O catálogo complétase coa recopilación das obras expostas en cada unha das seccións da mostra e con imaxes da exposición.
Editado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a publicación presenta o texto paralelo en galego e castelán, a encadernación en tapa blanda, con ilustracións a cor e un total de 232 páxinas.
+ información: Catálogo "A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo"