Presentación da exposición "Doazóns 2015 - 2023"

ORGANIZA: Museo de Belas Artes da Coruña
PATROCINA: Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
LUGAR: Sala de exposicións temporais
DATA: Xoves, 30 de maio de 2024
HORA: 12:00h

Este xoves 30 de maio de 2024, ás 12:00h, preséntase á prensa a mostra "Doazóns. 2015 - 2023".

O Museo de Belas Artes da Coruña dá a coñecer, nesta mostra, as importantes doazóns de iniciativa particular que tiveron lugar nos últimos 8 anos e trata de resaltar a xenerosidade dos 16 doantes que aportan á colección do Museo un total de 100 obras de artistas galegos do século XX (excepto dúas obras do século XVII), entre pinturas, debuxos, gravados, escultura e artes decorativas.

Cabe destacar dentro do conxunto, a doazón realizada por dona Elvira Álvarez cun total de 70 pezas, a maior aportación á colección nos últimos anos. Tamén destaca a doazón do pintor Roberto González Fernández cunha serie de 6 lenzos da súa autoría.

A mostra pódese entender coma unha continuación (ou ampliación) da pequena exposición inaugurada no pasado 2 de maio de 2024, titulada a Doazón Tomás Barros ao Museo de Belas Artes, froito da doazón de Araceli e Tomás Barros Cao. Ambas, aínda que independentes no seu formato (espazo de acollida + espazo destinado a exposicións temporais), teñen unha conexión temática entre se, o que permítennos establecer un interesante percorrido entre ambas e evidenciar e poñer en valor a sensibilidade e compromiso social dos propietarios quen, nun xesto de xenerosidade e altruísmo non so impulsan as coleccións do Museo de Belas Artes da Coruña senón tamén permiten o enriquecemento do Patrimonio Artístico de Galicia.

O acto contará coa presencia do Director Xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, acompañado pola directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque e os representantes das persoas que doaron pezas á colección do Museo.


Para máis información: "Doazóns. 2015 - 2023"

Documentos: