Visitas e actividades educativas para o curso 2017-2018

Visitas e actividades educativasDo 17 de outubro do 2017 ao 21 de xuño do 2018 - 00:00h 

Apertura do prazo de inscrición para o curso 2017-2018

Coma en anos anteriores, o Museo de Belas
Artes centra moita da súa actividade didáctica nos máis novos, para o
achegamento dos rapaces e rapazas ao mundo dos museos.

As visitas guiadas consisten nun percorrido didáctico polas salas do
museo adaptado aos diferentes niveis educativos. Para o alumnado de
infantil e primaria, e algúns percorridos de secundaria, a actividade
inclúe a realización dun obradoiro. As visitas serán guiadas por un
educador propio do museo, que favorecerá o achegamento do alumnado ás
diferentes formas artísticas de xeito dinámico e lúdico, fomentando a
participación e estimulando a súa creatividade. O profesor acompañante
do grupo deberá estar presente en todo momento durante a realización da
actividade.

O profesorado pode solicitar o envío de información específica sobre
as actividades que realizarán os escolares dun determinado nivel. Tamén
existe a posibilidade de que o profesorado desenvolva e guíe unha
actividade propia, previa confirmación do Museo. Sempre que se informe
con certo marxe de tempo, o Museo poderá flexibilizar na medida do
posible as súas propostas didácticas para tratar temas que se estean a
desenvolver na aula no momento da visita.

A visita é gratuíta. O museo ten reservado un espazo para a parada do transporte escolar.

Clicar para máis información

Calendario e horarios: a partir do 17 de outubro de
2017 e ata o 21 de xuño de 2018. De martes a venres ás 10:00 e ás 11:30
h. A duración das propostas educativas será de 1 hora e 30 minutos
aproximadamente. 

Os centros educativos que teñan dificultades para asistir ao museo
neste horario (por motivos de procedencia xeográfica ou de organización
do propio centro), poden poñerse en contacto co Museo e solicitar unha
visita nun horario diferente ao establecido. 

Destinatarios: escolares desde Educación Infantil (2
anos) a Bacharelato, formando grupos de 60 persoas máximo (o museo
conta con dous educadores).

Reserva: A solicitude e reserva de visita poderá facerse no teléfono 881 881
700  (de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 h) ou no correo
electrónico do Museo mu.belas.artes.difusion@xunta.gal

Tamén se pode reservar a través do programa educativo do concello da Coruña: Coruña de Aventura