Imaxe oculta

O exame radiográfico do lenzo permitiu visualizar unha rectificación na composición da figura humana pintada orixinalmente. Fíxose visible o corpo de perfil dunha figura masculina, de aspecto xa maduro e cunha longa barba, que está sentada ante o que parece ser una sinxela mesa ou atril e suxeitando cunha man un obxecto de escritura.

Estes trazos figurativos fan pensar en personaxes relixiosos que foron  representados escribindo, como o apóstolo Pablo, o evanxelista Xoán, Santo Agostiño ou San Xerome. Pero algunhas particularidades do contexto histórico-artístico do cadro son as que levan a formular a hipótese de que puidese tratarse deste último.

Na pintura relixiosa de Collantes contabilízanse varias representacións de san Xerome. Como sucedeu coa imaxe de San Pedro arrepentido, a de San Xerome propagouse amplamente por Europa no contexto relixioso da Contrarreforma católica, que potenciou a representación da súa imaxe como penitente e asceta dedicado á oración. Ademais, a Igrexa tamén quixo remarcar a súa continua dedicación ao estudo dos textos sagrados que deu os seus froitos na tradución da Biblia ao latín que o papa Dámaso lle encargou a finais do século IV, coñecida como a Vulgata. Mostrar a súa faceta de estudoso e escritor resaltaba a súa consideración como Doutor da Igrexa pola influencia que tiveron os seus escritos para a explicación das verdades da fe católica fronte ás doutrinas protestantes.

A figura oculta situada no lenzo lémbranos unha das imaxes máis comúns para representalo nesta época, como eremita inmerso na paisaxe para indicar a súa renuncia ás banalidades mundanas, situado ao lado dunha gruta ou entre as árbores e en soidade para poder meditar e escribir sobre temas sagrados.

 

Equipo SEM

    

Radiografía completa

Radiografía san Pedro