Estudo técnico

O estudo técnico levado a cabo comprende a realización de análises destrutivas que precisan da toma de micromostras como a análise de pigmentos e análises non destrutivas como a fotografía por fluorescencia inducida por ultravioleta, a reflectografía infravermella e o estudo radiográfico da obra.

ENSAIOS DESTRUCTIVOS


Análise de pigmentos: A análise de materiais mediante toma de micromostras permítenos obter información acerca do método empregado na súa elaboración mediante o coñecemento e identificación de pigmentos e outros materiais. Todo iso vai facilitar a comprensión da súa execución e estado de conservación. Neste caso, a análise realizouse coa toma de 5 mostras en lugares representativos da obra, coa idea de que proporcionasen o máximo de información analizando os pigmentos e as preparacións mediante análise SEM-EDX e, no caso da mostra SP08 a súa caracterización orgánica mediante pirólise analítica Py-GC-MS. O estudo das mostras iníciase coa súa observación e análise empregando a microscopía óptica (MO), seguidamente identifícanse os materiais mediante a microscopía electrónica de barrido SEM-EDX e para a mostra SP08 mediante pirólise analítica Py-GC-MS.

  • Microscopía Óptica -200-500x. Estudo cualitativo e morfolóxico sobre a estrutura microcristalina da mostra. Permite describir a estrutura de capas e detectar a mestura de distintos pigmentos de cor.
  • Microscopía electrónica 650-1600x. Microscopía electrónica de barrido, permite a observación morfolóxica das micromostras a maior aumento ca óptica pero perdendo información sobre a cor.

  • Espectro EDX. Emprégase para análises semicuantitativas e cualitativas dos elementos químicos que constitúen os diferentes pigmentos, o que permite a súa identificación.

  • Pirólise Py-GC-MS. Produce a descomposición térmica de sustancias como os polímeros naturais ou sintéticos (ácidos graxos…) que compoñen os aglutinantes de pinturas e as resinas de vernices. Os produtos de pirólise sepáranse mediante cromatografía de gases e identifícanse polos seus espectros de masas.

 

Mapa de mostras

 

Pigmento

 

micromostra1

 

 

micromostra2

micromostra3

 

ENSAIOS NON DESTRUCTIVOS


UV: A fotografía por fluorescencia inducida por ultravioleta permite ver certos detalles propios da técnica pictórica. O obxecto é iluminado cunha fonte ultravioleta, producindo unha fluorescencia apreciable no espectro visible como resposta á excitación que presentan os materiais a esta radiación. Achéganos ó seu estado de conservación mediante a apreciación de distintas cores e intensidades dependendo das sustancias empregadas na execución da obra e nos engadidos en intervencións posteriores, especialmente vernices e repintes.

imaxeUV

 

 

imaxeIR

IR: A maior lonxitude de onda dos raios infravermellos permite que unha película pictórica que con luz visible non é transparente sexa menos cubrinte á radiación IR permitindo que as capas subxacentes se fagan visibles. A reflectografía infravermella permite observar o que se atopa inmediatamente por debaixo dunha película pictórica dun espesor medio ata chegar a ver detalles ocultos como debuxos preparatorios, arrepentimentos e grafías.

 

 

Radiografía: Técnica de imaxe baseada na absorción de Raios X a través dun obxecto e a súa visualización nunha placa radiográfica, podendo diferenciarse zonas da mostra con maior ou menor radiodensidade. Na pintura sobre táboa ou lenzo ofrece a posibilidade de “ver” ó través da capa pictórica, descubrir capas de pintura subxacentes, “arrepentimentos” do autor, intervencións de restauración, firmas escondidas, anomalías estruturais, presenza de galerías de caruncho...

radiografia detalle

 

Radiografía completa