Díaz Pardo, Isaac

Santiago de Compostela
-
22/08/1920
Coruña (A) (l)
-
05/01/2012

Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920-A Coruña, 2012). Intelectual polifacético que desenvolveu unha intensa actividade en favor da revitalización das artes e a cultura galega. Cultivou o teatro, a crítica e o ensaio e realizou unha ampla e plural carreira artística: pintor, ilustrador, ceramista e deseñador industrial. Foi o terceiro fillo do cartelista, pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. Na súa infancia vese rodeado do ambiente cultural da época xa que o taller do seu pai era un punto de encontro de grandes intelectuais como Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor ou Ramón Cabanillas. Isaac márchase a Madrid, onde se forma na Academia de San Fernando e viaxa a Italia cunha bolsa en 1942. En 1943 atópase dando clase na Escola Superior de Belas Artes de Barcelona. Durante este período de tempo conságrase como un pintor apreciado pola crítica. Expón en Londres en 1944, lugar no que tamén recibe boa crítica e apréciase unha nova etapa na súa obra marcada polo gran formato. Doutra banda, en 1949, faise cargo da dirección de Cerámicas de O Castro (Sada, A Coruña), onde foi o propio Isaac quen deseñou e decorou moitas das pezas que producía a factoría. En 1955 viaxa a Arxentina e pon en marcha a factoria de cerámica A Madalena e colabora coa revista Galicia emigrante. As súas pinturas e debuxos reflicten cada vez máis unha fonda preocupación polos problemas do pobo galego.

En 1963, Luís Seoane propúxolle implicarse na creación do Laboratorio de Formas de Galicia na Coruña, institución desde a que tomarían forma varios proxectos: A fundación de Ediciós do Castro, a creación da Fábrica de Cerámica de Sargadelos e do Museo Carlos Maside. Isaac quería que Sargadelos fose algo máis que unha fábrica de cerámica, quería que se convertese tamén nun centro de investigación, para o que creou en 1972 o Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos. Como pintor, evolucionou desde os canons académicos clasicistas ata adquirir unha linguaxe plástica persoal e anovadora, acorde cos artistas renovadores da vangarda plástica galega cos que se relacionou. A súa pintura fundaméntase nun firme debuxo co que constrúe formas rotundas plasmadas cunha áxil pincelada. Nos seus lenzos, ás veces de gran tamaño e con grandes composicións, son características a forza expresiva dos rostros e os xestos das figuras.

Obras do/a autor/a