Tenreiro, Antonio

Coruña (A) (m)
-
06/02/1923
Coruña (A) (m)
-
26/10/2006

Antonio Tenreiro Brochón (A Coruña, 1923-2006). Fillo do arquitecto do mesmo nome é un pintor practicamente autodidacta e un dos artistas galegos de maior vocación internacional, viaxando por múltiples países de Europa, cuxas paisaxes vanse converter en fonte esencial para todas as súas acuarelas e gouaches. Tenreiro estuda na Escola de Arquitectura en Madrid, na que se gradua en 1952, á vez que asiste en ocasións ás clases de espido do pintor Benedito. Desde moi cedo, entre 1950 e 1955, cando traballa basicamente con augadas, comezará a obter premios. Xa nestes primeiros momentos denota unha clara paixón polas correntes francesas, residindo en distintos momentos en París, durante os anos cincuenta e sesenta, pero visitando tamén Suíza, Austria, Países Baixos ou Alemaña. Expón en distintas cidades e traballa nun estudo de arquitectura en Suecia. Aséntase con todo na Coruña, o que non lle impide seguir viaxando e realizando exposicións. Posteriormente, durante os setenta, centra a súa creación pictórica na técnica do óleo. Ao longo dos anos van ser preponderantes na súa obra as paisaxes: imaxes das mariñas galegas e de campos ou montañas. Aínda que tamén pinta bodegóns, retratos e autorretratos, toda dunha clara influencia francesa, achegándose a miúdo aos pintores fauves, especialmente no cromático.

En xeral, debemos destacar a súa mestría no traballo da cor, que se irá suavizando progresivamente ao longo da súa carreira, á vez que pasará por distintos momentos, tendendo máis ao sombrío, ao fauvista, ou o luminista.