Brocos Gómez, Modesto

Santiago de Compostela
-
1852
Rio de Janeiro
-
1936

Modesto Brocos Gómez (Santiago de Compostela, 1852-Río de Janeiro, Brasil, 1936). Descendente dunha familia de imaxineiros e irmán do escultor Isidoro Brocos, inicia a súa carreira artística como discípulo de Cancela del Río na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. En 1871 emigra a Buenos Aires, onde exercerá como gravador en diversas publicacións. Entre 1874 e 1877 estuda na Academia de Belas Artes de Río de Janeiro, completando a súa formación de gravador posteriormente en París. Xunto ao seu irmán foi colaborador artístico e correspondente na Ilustración Galega e Asturiana, revista dirixida por Manuel Murguía. Máis tarde ingresa na Academia de Belas Artes de San Fernando onde ten como mestre a Federico de Madrazo; trasládase novamente a París e en 1883 marcha a Roma bolseiro pola Deputación da Coruña. Regresa a Santiago e consegue a Cátedra de Pintura e Debuxo na Real Sociedade Económica, pero permanecerá pouco tempo, xa que en 1890 emigra a Río de Janeiro. Só regresaría a Europa entre 1897 e 1900, trasladándose a Roma para realizar un proxecto de tema xacobeo, o tríptico titulado As tradicións do Apóstolo Santiago, que actualmente se conserva na sancristía da catedral de Santiago, expoñente plástico do relanzamento do culto do Apóstolo que entón se estaba levando a cabo na cidade.

Obras do/a autor/a