Cerámica Celta de Puentecesures
Cerámica Celta de Puentecesures. Cerámica Celta foi fundada en Pontecesures (Pontevedra) por Ramón Diéguez Carlés quen, en 1925 adquire a empresa Cerámica Artística Gallega e con ela a idea de plasmar nos seus deseños artísticos a cultura tradicional galega a través das múltiples facetas da vida mariñeira e do campo. Para isto contou coa colaboración de artistas como Asorey, Castelao, Bonome, José Mª Acuña, Maside, Manuel Torres e Carlos Sobrino, que achegaron as súas creacións e bosquexos. Na súa produción, ademais de pezas decorativas, haberá tamén pezas de uso cotián como xerras, xogos de café e de chocolate, macetas, etc. Incorpora a técnica do vidriado con tonalidades de cores, moi características, moi coidadas polos decoradores da fábrica. As pezas vendéronse en Galicia, latinoamérica e difundíronse en Madrid a través das Feiras do Campo.