Fuente, María Victoria de la
María Victoria de la Fuente Alonso (Vigo, 1927 - Madrid, 2009). Filla do arquitecto Genaro de la Fuente, as súas inquietudes artísticas arrancan desde moi nova influída polas súas orixes familiares. Trasladarase a Madrid onde estuda co pintor Julio Moisés e aprende o manexo do debuxo e da cor. Á vez, tamén acude de forma libre ás clases na Academia de Belas Artes de San Fernando.
En 1953 comeza a súa actividade artística participando en exposicións colectivas como a homenaxe a Vázquez Díaz e na Exposición Itinerante organizada pola Compañía Ibarra. Para enriquecer máis a súa formación realizará viaxes por toda Europa, visitará París onde coñecerá o cubismo de Picasso, Juan Gris e Braque. Nos Países Baixos entrará en contacto coa pintura de Rembrandt e Vermeer e en Italia coa de Sinori e Morandi. A súa primeira exposición individual celébrase en 1962 no Ateneo de Madrid. A partir deste acontecemento a súa carreira dispárase e comeza a participar e realizar gran número de exposicións nas que recibe premios e galardóns.
Nos seus últimos anos decide retirarse a unha aldea do Levante, na que prosegue a creación artística e continúa expondo na súa cidade natal e noutras cidades de Galicia, ademais de na capital madrileña. Na súa concepción pictórica non hai grandes cambios, o tipo de figuración con temas como as escenas de interior, as paisaxes, o bodegón en todas as súas variables e o retrato apenas varía, salvo en matices que incumben a valores plásticos como o tratamento da luz e da cor. Ao redor dos anos setenta dará un cambio de paleta máis que de estilo, abandonando os tons terra polos azuis e violetas. A obra de María Victoria de la Fuente sempre está marcada pola preocupación pola textura do material como elemento expresivo e pola preocupación da luz como xeradora de espazo.