Murguía, Ovidio

Lestrove (Dodro)
-
02/07/1871
Coruña (A) (m)
-
01/01/1900

Ovidio Murguía de Castro (Lestrove-Dodro, A Coruña, 1871- A Coruña, 1900). Membro da coñecida como Xeración Doente, que reuniu a un grupo de pintores implicados no proceso renovador da pintura galega truncado pola morte precoz de todos eles.

Este artista sitúase pois, no Rexurdimento, a medio camiño entre o modernismo e o costumismo melancólico herdado da súa nai. A súa tendencia ás Artes e as Letras xa viña marcada polos seus proxenitores, Manuel Murguía e Rosalía de Castro, e a súa formación comezou moi pronto da man da súa irmá Alejandra. En 1887, cando a familia xa estaba instalada en Santiago, continuaría os seus estudos na Escola da Real Sociedade Económica, sendo o seu mestre José Fenollera e compartindo estudos con Jenaro Carrero, tamén membro da Xeración Doente. No ano 1895 trasládase á cidade da Coruña onde abrirá o seu primeiro taller e onde empezará a profundar no novo movemento moderno experimentando coa fotografía.

Máis tarde trasládase a Madrid para continuar os seus estudos e onde, ao contrario que os seus compañeiros, desenvolvería un rexeitamento aos postulados académicos traballando case por libre, tomando apuntamentos do natural e terminándoos no seu taller. Esta nova tendencia tiña as súas bases nas innovacións técnicas de Carlos de Haes e as formulacións neoclásicas de Claudio de Lorena. Sería neste período madrileño cando se converte en protexido de Montero Rios, época na que realizará gran cantidade de traballos como os frescos do Pazo de Lourizán, traballo que nunca chegaría a culminar pero do que se conservan algúns bosquexos.

Desta maneira pódese establecer unha evolución da obra de Murguía en función dos lugares nos que estivo. En Santiago desenvolverá unha temática costumista reflectida na paisaxe e caracterizada polo uso dos ocres e as terras sienas con marcas verdes e azuis. A súa etapa coruñesa caracterizarase por un carácter máis ambicioso na procura dese modernismo de Fortuny. En Madrid, rexeitando á Academia, buscará solucións eclécticas entre o naturalismo e o efectismo cambiando a súa gama cromática e achegando maior luminosidade á obra. Será o momento no que pinte a súa obra máis coñecida, O Guadarrama. A súa última obra será Cabeza de monxe, previa á súa morte causada pola tuberculose, que está considerada por moitos autores como a súa obra máis sincera.

Obras do/a autor/a

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • Paisaje (#1995 - Cuadro - Lienzo - Pintura al óleo)
  • Paisaje (#4955 - Cuadro - Lienzo - Pintura al óleo)
  • Pedestal (#1269 - Dibujo - Papel - Dibujo)
  • Puerta interior del Hospital de Santiago (#1268 - Dibujo - Papel - Dibujo)