Parada Justel, Ramón

Esgos (Ourense (comarca))
-
11/03/1871
Ourense (l)
-
13/05/1902

Ramón Parada Justel (Esgos, Ourense, 1871- Ourense, 1902). É un dos membros da Xeración Doente, o grupo que significou o paso previo, pero truncado, na renovación da pintura en Galicia. No caso deste artista, cun desenvolvemento curto da súa carreira como pintor, dedicouse na última etapa a impulsar o rexionalismo galeguista en Ourense. Moi novo trasládase coa súa familia a Ourense para cursar estudos de bacharelato no Instituto de Segundo Ensino. Tras completalos, os seus pais acceden a que se traslade a Madrid para ingresar na Academia de Belas Artes de San Fernando, na que coñece e se relaciona con Jenaro Carrero, a quen retrata en varias ocasións cando repousa convalecente. Nas súas ansias de aprendizaxe solicita unha bolsa á Deputación Provincial de Ourense para completar estudos en Roma que recibirá a cambio da futura decoración dos teitos do Instituto de Bacharelato de Ourense. Tras a volta a España os seus seguintes anos resúmense nas idas e vidas entre Madrid e Galicia con continuas presentacións en exposicións e certames, no proceso de procura do seu recoñecemento oficial como pintor contemporáneo. Tamén traballa como profesor na Escola de Artes e Oficios de Ourense aspirando á cátedra en 1901. Nunha das Exposicións Nacionais de Belas Artes recibiu a primeira medalla pola súa obra O recordo das xoias. A evolución da súa obra vese condicionada pola súa prematura morte quedando limitada á súa etapa formativa. Parada Justel tiña unha gran destreza técnica do uso da cor e o debuxo, pero a procura do tema e a argumentación aínda se atopaba en desenvolvemento, polo que isto truncou en certa maneira a súa obra, xa que nos tempos que viviu a pintura estaba en total relación coa literatura. Desta maneira moverase en diferentes ámbitos comezando polo retrato, as súas primeiras aproximacións a un tema definido pódense apreciar en O recordo das xoias. Tratou tamén a temática do realismo social. Tras varios intentos decide volver á súa terra onde traballará na paisaxe de Galicia, desta maneira coñecerá a súa vocación artística enfocada no Rexurdimento galeguista a través das paisaxes autóctonas. 

Obras do/a autor/a