Pérez Villaamil, Jenaro

Ferrol (l)
-
03/02/1807
Madrid (m)
-
05/06/1854

Jenaro Pérez Villaamil y Duguet (Ferrol, 1807 - Madrid, 1854). Na súa infancia, aos cinco anos, ingresou como cadete no Colexio Militar de Santiago de Compostela, onde o seu pai, Manuel Pérez Villaamil exercía de profesor de Topografía, Fortificación e Debuxo. Entre 1819 e 1821 trasladouse a Madrid coa súa familia onde fixo estudos literarios. En 1823, ante a invasión pro absolutista francesa incorporouse ao exército do goberno liberal, caeu ferido e foi enviado como detido a Cádiz. Nesta cidade comezou a asistir a clases da Academia de Belas Artes como discípulo de José García. Xa liberado, tras abandonar a carreira militar, permaneceu en Cádiz ata 1830. Nesta época realiza algúns óleos nos que se percibe a influencia prerromántica. Son momentos, nos que o artista tentaba afastarse dos convencionalismos clasicistas que definían o paisaxismo do dezaoito, alcanzando, coas súas dotes de colorista e a súa habilidade compositiva, certa fama como pintor. Así, en 1830 foi solicitado desde Porto Rico para realizar a decoración do Teatro San Juan que despois se chamará Teatro Tapia.

Villaamil regresa a España en 1832 e establécese en Madrid aínda que volverá a Andalucía. En Sevilla coincide co pintor e ilustrador escocés David Roberts e Villaamil non oculta a súa atracción polos seus monumentais escenarios que ás veces derivaban cara ao fantástico. Tralo seu contacto co escocés, a paleta de Villaamil gana en fluidez e enriquécese con novas tonalidades, adoptando o estilo que vai definir o resto da súa carreira e que pronto o converteu na principal figura da paisaxe romántica española. En 1834 establécese en Madrid. É unha época na que se relaciona con intelectuais como Pastor Díaz, Espronceda, José Zorrilla e con pintores como Esquivel ou José Gutiérrez de la Vega. Desde Madrid realizou a miúdo saídas nas que foi recollendo nos seus debuxos apuntes de arquitecturas e paisaxes. É ademais, o momento en que, tras a aparición dos Bocetos pintorescos de España, de David Roberts, nace en Villamil a idea de publicar unha obra similar, a España Artística y Monumental. Unha mostra da asimilación por Villaamil das maneiras de David Roberts, é que, nas súas viaxes pola xeografía española unha vez tomados do natural os apuntamentos, despois no seu estudio introduce variacións orográficas ou arquitectónicas co fin de que o tema interesase e emocionase ao espectador.

A finais de 1840 viaxou cara a París, onde contactaría con María Cristina e outros españois exiliados tras a subida ao poder de Espartero. Pasa logo a Bélxica e non deixa de vixiar. En 1842 ten lugar a publicación do primeiro tomo de España Artística y Monumental, unha das máis belas obras ilustradas do romanticismo español. Os dous seguintes aparecerán en 1844 e 1850.

Terminada a súa estancia parisiense, establécese a continuación en Bruselas e visita outras cidades belgas, como Liexa. A continuación percorre Holanda, volve a París e regresa a España en 1844, percorrendo o País Vasco, Navarra e Aragón. En 1845 alcanza o grao de tenente director da Academia de San Fernando e é designado primeiro profesor da recentemente creada Cátedra de Paisaxe. Nesta época realiza lenzos de temática oriental, que mostraban o seu gusto polo exótico e polas civilizacións pasadas, en especial as visións da historia medieval. En 1846 viaxa de novo a París e volve a continuación a España e inicia unha viaxe artística a Asturias, pasando por Valladolid e León. Entre os anos 1848 e 1952 realiza numerosas viaxes artísticas: varias polo norte da Península e por Valencia e Andalucía. Durante o verán de 1849 percorre as provincias da Coruña e Pontevedra e volverá a Galicia en tres anos sucesivos. Tras un último percorrido polo País Vasco falece en Madrid en 1854.

En canto á súa relación con Galicia, hai que destacar o seu apoio á fundación da Real Academia de Belas Artes na Coruña, así como a súa pertenza ao comité destinado a inventariar a riqueza artística e arqueolóxica de Galicia.