Segura Torrella, Ricardo
Ricardo Segura Torrella (Ferrol, 1927-2000). Foi discípulo de Felipe Bello Piñeiro e de Fernando Álvarez de Sotomayor. Frecuentou diversos centros artísticos madrileños, entre eles o Círculo de Belas Artes e en 1966 iniciou unha longa estancia en París onde entrou en contacto coas últimas tendencias do momento; en 1979 viaxou a Alemaña para estudar os seus principais museos. Segura Torrella foi un dos grandes debuxantes galegos pero cultivou outras técnicas como o óleo, o pastel, a acuarela ou a encáustica e, aínda que tivo unha formación clasicista, estivo influenciado polo fauvismo e o cubismo, así como polo expresionismo, que foi unha constante na súa obra. É destacable o seu logro de claroscuros, o seu uso de cores fortes e cálidas, sobre todo o vermello e o verde, e os seus trazos enérxicos. Os seus cadros non adoitan ser de grandes dimensións e presentan, en gran medida, temática paisaxística que pretende reflectir os diversos aspectos de Galicia pero fuxindo dos tópicos. Abundan as imaxes de Doniños, San Andrés de Teixido ou Fonsagrada. Celebrou varias exposicións en Ferrol, A Coruña, Madrid, Vigo, Sevilla, Lugo e participou na homenaxe que o grupo de artistas Altamira (do que era membro) lle fixo a Bello Piñeiro no Círculo Mercantil de Ferrol, tamén foi director do Museo Municipal Bello Piñeiro.