Seijo Rubio, José

Madrid (m)
-
15/10/1881
Coruña (A) (m)
-
09/09/1970

José Seijo Rubio (Madrid, 1881-A Coruña, 1970). Era fillo dun militar galego que estaba destinado no Ministerio de Guerra. Cando cumpriu seis anos a familia trasladouse a vivir a Galicia, nun primeiro momento a Lugo, máis tarde a Betanzos e finalmente á Coruña onde residiu a partir de 1897. O seu pai era un excelente pendolista, calidade que herdou Seijo Rubio e na que destacou, chegando a ser considerado un dos mellores calígrafos da súa época.

Por medio dunha oposición foi nomeado profesor de caligrafía no Instituto de Ensino Medio e profesor de debuxo na Escola de Comercio. Segundo el mesmo recoñeceu, a súa formación artística comezou en Betanzos, onde levou a cabo a decoración do tradicional globo de Claudino Pita, e tamén alí naceu o seu amor por Galicia. Máis tarde foi alumno da Escola de Artes e Oficios da Coruña e da Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, na que tivo mestres como Fernando Labrada ou Eduardo Martínez Vázquez. O seu traballo como pintor estivo case exclusivamente dedicado á representación da paisaxe galega.

Hai que destacar a gran importancia da súa participación no movemento cultural e artístico galego, destacando neste sentido a creación do Museo de Belas Artes da Coruña, proxecto para o que tivo que superar gran cantidade de dificultades ao longo de moitos anos ata velo por fin realizado no ano 1947, cando levou a cabo a súa inauguración, aínda que xa en 1938, coa axuda do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor, conseguira a cesión por parte do goberno dun espazo para o Museo. De feito, Fernando Álvarez de Sotomayor, quen fose director do Museo do Prado foi un dos seus grandes amigos. Sotomayor pintou varios cadros no estudo que Seijo Rubio tiña na Praza de María Pita número 17, entre eles os coñecidos lenzos Comida de voda en Bergantiños, A rapaza do pano marelo ou A la feira, que supuxeron o cume da súa produción pictórica galega.

Ao longo da súa vida, José Seijo Rubio ostentou numerosos cargos: en Coruña exerceu como Catedrático de Debuxo de Instituto e Escola Normal, foi Delegado Rexio de Belas Artes durante cinco anos; Apoderado do Servizo de Defensa da Riqueza Artística Nacional; Académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, do Instituto Histórico do Minho e da Real Academia Galega; Académico de número e Secretario Xeral da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña; Vogal da Comisión Provincial de Monumentos; Presidente de honra da Asociación de Artistas da Coruña e Director do Museo da Coruña. Por todo este traballo realizado recibiu un gran recoñecemento social, xa que se lle dedicou unha homenaxe popular na Coruña en 1949 e foi nomeado Fillo adoptivo da cidade da Coruña e de Betanzos. Faleceu na súa casa da Praza de María Pita número 18.

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • Alta Mariña (#930 - Pintura - Papel - Acuarela)
  • Borrasca (#931 - Pintura - Papel - Acuarela)
  • Jardín de San Carlos (#3385 - Pintura - Papel - Acuarela)
  • La robleda de Teijeiro (#2755 - Cuadro - Lienzo - Pintura al óleo)
  • Ocaso (#6362 - Cuadro - Lienzo - Pintura al óleo)