Imaxe:
Baixamar (Guethary)
Folla técnica
Número de inventario:
31
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Cronoloxía:
1881[ca]
Clasificación:
Pintura
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (17/02/1928)
Historial:
Depositado polo desaparecido Museo de Arte Moderna, por R. O. de 17-02-1928
No anverso, na parte inferior central do marco sitúase unha cartela coa información seguinte: 6602, Carlos de Haes (1826-1898), Bajamar (Guethary), Cara a 1881.
Medidas:
Con marco: Altura = 43,7 cm; Anchura = 55,7 cm; Profundidade = 4,5 cm
Lenzo: Altura = 27 cm; Anchura = 39 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
Guethary é unha das localidades sureñas da vertente atlántica francesa que Haes percorre arredor dos anos oitenta para inmortalizar o seu litoral, ben o batido pola ondada ou ben as sosegadas praias do período estival como a que plasma neste cadro. Este é un claro exemplo de como Haes en moitas ocasións recorre nas súas obras a unha organización compositiva en dúas franxas horizontais correspondidas con ceo e terra/mar que conflúen nunha afastada e difuminada liña de horizonte.
Igualmente é exemplo unha vez máis, da súa habilidade para afrontar a obra cun variado repertorio de enfoques técnicos. Por unha banda está o tratamento pictórico da celaxe, sempre encapotada e en desordenado dinamismo que alterna o azul celeste coas cores agrisadas e os empastes brancos dados con grandes e enérxicas pinceladas. Por outra banda está o tratamento lumínico que dá ás augas que cobren levemente o areal do primeiro plano cando baixa a marea. Agora Haes utiliza unha pincelada fina e máis retocada para conseguir que a incidencia da luz sobre a auga reflecte sutilmente os xogos de nubes e claros celestes ata lograr un auténtico efecto espello. É un xogo estético moi recorrido por Haes non só nos temas de costa senón tamén nas numerosas paisaxes lacustres que realiza en Holanda. E de novo en contraste coa elaboración técnica do areal que suxire unha execución máis de estudo, están as esbozadas protuberancias dos estratos rochosos constituídas outra vez a base de densas pinceladas curtas e vibrantes que evidencian a súa captación directa do natural e executadas dun modo rápido e espontáneo.
O tema, é un tramo calquera de costa non identificable, soamente a forma das pequenas rocas estratificadas que emerxen coa baixamar poderían ser afíns ao perfil rochoso do litoral de Guethary. Con todo, son escasos os cadros en que Haes non deixa, aínda que mínima, unha pegada de humanización ou presenza do home; estacadas, barcos, carreiros ou diminutas figuras enfaenadas nalgunha actividade. Neste caso son as siluetas duns pescadores apenas percibidos sobre a lengüeta de terra próxima á liña do horizonte os únicos referentes que humanizan esta paisaxe costeira.