Haes, Carlos de

Bruselas
-
1826
Madrid (m)
-
1898

Carlos de Haes (Bruselas, 1826-Madrid, 1898). Pintor de orixe belga. Trasládase a España coa súa familia que se instala en Málaga en 1835, onde pasados uns anos comeza a súa andaina artística da man do pintor academicista Luís da Cruz. En 1850, decide continuar a súa formación na súa terra natal estudando aos grandes mestres flamencos da paisaxe, ao mesmo tempo que establece contacto coas vangardas europeas de Bruxelas. A súa formación á beira do paisaxista Joseph Quinaux determina o seu encontro coa pintura ao aire libre que definirá a súa produción artística na súa totalidade. Con esta bagaxe, volve a España e consegue en 1857 a cátedra de paisaxe da Escola Superior de Pintura da Real Academia de Belas Artes de San Fernando desde a que, ao longo do seu ensino, formará no exercicio da pintura ao aire libre a toda unha xeración de paisaxistas. Paralelamente á súa docencia, continúa coa súa produción artística. En 1860 é nomeado académico de número da Academia de San Fernando, establecendo no seu discurso de entrada as bases que de maneira definitiva renovarán a pintura de paisaxe en España. Desde a súa cátedra promove as saídas para pintar aos arredores de Madrid e excursións estivais, que só ou en compañía dalgúns dos seus discípulos máis intimamente ligados a el, realiza por toda a xeografía europea, entre as que destacan as campañas de Elche, Picos de Europa e País Vasco dentro da xeografía peninsular e as de Bretaña, País Vasco francés, Normandía e Vriesland en Europa, deixando plasmados, en pequenos estudos ao óleo, infinidade de paisaxes.