Imaxe:

Ecce-Homo

Autores/as:
Cronoloxía:
1540[ca]-1545[ca]

Escena que representa o episodio que sucede cando Xesús, despois de ser azoutado, é exhibido por Pilatos ante a multitude para coñecer o seu veredicto, que finalmente será a crucifixión (Evanxeo de Xoán, 19, 5). Esta escena e outras dúas composicións, a Coroación de espiñas e Pilatos lavándose as mans, formaron parte dunha serie pictórica sobre a Paixón de Cristo realizada para o mosteiro de San Martín de Valdeiglesias en Madrid. O pintor representa a Cristo con pano de pureza e túnica, coas mans atadas e unha soga ao redor do pescozo, coroado de espiñas e co nimbo crucífero, propio da divindade, circundándolle a cabeza. Ao seu lado, a figura do gobernador romano Pilatos, móstrao a un grupo de soldados que portan estandarte e lanzas e en cuxa indumentaria observamos certos anacronismos xa que van vestidos segundo os costumes do século XVI e non segundo a época que lles corresponde, algo que podería ser un recurso para achegar o suceso aos fieis no contexto da súa época, ou ben un recordo da posta en escena do teatro de contido relixioso cuxas solucións pasaban en ocasións ao repertorio das creacións artísticas. En relación con isto, cabe mencionar ao soldado con casco e coraza de coiro ocre e decorada á romana que Correa repite nas táboas compañeiras desta, seguindo un modelo tomado de Juan de Borgoña, mestre de formación italiana que tivo gran influencia en Toledo. A imaxe do sufrimento de Xesús despois de ser flagelado vén plasmar a expresión Ecce Homo, que é a forma latina do anuncio de Pilatos: Aquí está o home, na presentación de Xesús ante a multitude. Unha imaxe que se representou na arte como unha escena narrativa da que é exemplo esta obra de Correa de Vivar, ou coa figura de Cristo illada. A imaxe de Cristo doente desenvolveuse amplamente desde o século XVI xa que era un tema que se axustaba aos ideais dos reformistas católicos, poñía de relevo o seu parte humana e o seu gran efecto emotivo convidaba á compaixón dos fieis.

Folla técnica

Número de inventario:
258
Materia / Soporte:
Táboa
Contexto cultural / Estilo:
Renacemento
Autores/as:
Cronoloxía:
1540[ca]-1545[ca]
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Relixiosa. Evanxélica
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (16/08/1946)
Historial:

Pertenceu ao convento de Pais Bernardos de San Martín de Valdeiglesias. Foi incautado en 1836 e figuraba no Inventario realizado por Antonio Zabaleta. No Museo do Prado rexistrouse co nº 912. Estivo depositado no Concello da Coruña desde o 21-04-1942 ata o 16-Ou8-1946, cando ingresa no Museo de Belas Artes.

No ano 1955 expúxose no Pazo Municipal. 2 Setembro. Cea de gala en honra ao Xefe de Estado. Concello da Coruña.

Ano 1958: Pazo Municipal. 6 setembro. Cea de gala en honra ao Xefe de Estado. Concello da Coruña.

Medidas:
Con marco: Altura = 104,5 cm; Anchura = 103 cm; Profundidade = 5,5 cm
Táboa: Diámetro = 90 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro