Imaxe:

Fonte para entremeses

Cronoloxía:
1870-1875 (Cuarta Época.)

Fontiña para encurtidos con forma de venera estilizada. Decoración estampada a dúas cores. A viñeta central cunha vista en negro do porto de Coruña desde a altura de san Diego, rodeada polo epígrafe [CORUÑA]. O bordo ondulado recúbrese por orla estampada en azul cobalto composta por dous reberetes de roleos separados por unha zona intermedia de trama irregular.

Marcos Buelga, en Vistas de cidades na cerámica española do século XIX, indica como fonte iconográfica do motivo principal que decora o centro da peza, a litografía francesa - Vista da Coruña, tomada desde a altura de san Diego- de E. Bernain segundo debuxo orixinal do suízo Enrique Luard Falconier.

E Quiroga Figueroa, no seu catálogo A louza de Sargadelos, indica que a orla denominada en Sargadelos -Isabelina- debido tanto pola época en que se usa, como por ser utilizada na vaixela que a Fábrica regala á raíña Isabel II, foi con todo unha copia doutra orla realizada na factoria inglesa de Copeland and Garret de Spode.

Esta vista do Porto da Coruña forma parte do grupo de -vistas reais de Galicia- que realiza a Fábrica de Sargadelos, ademais dos conxuntos de vistas que efectúa de varias cidades españolas e a famosa serie de vistas de Cuba.

Folla técnica

Número de inventario:
3370
Materia / Soporte:
Pasta cerámica
Aditivos
Verniz
Pigmento metálico
Contexto cultural / Estilo:
Romanticismo
Cronoloxía:
1870-1875 (Cuarta Época.)
Clasificación:
Louza
Iconografía:
Paisaxe. Costa
Oficios. Pesca
Paisaxe. Vista urbana
Orla isabelina
Procedencia:
Depósito: Buch- Brage, Rafael (31/12/1969)
Medidas:
Fonte: Altura = 3,7 cm; Lonxitude = 22,6 cm; Anchura = 13 cm
Técnica:
Moldeado (Cerámica)
Estampado (Cerámica)
Cocción
Vidrado
Obxecto:
Fonte para entremeses