Real Fábrica de Louza de Sargadelos
A historia das Reais Fábricas de Sargadelos iníciase a finais do século XVIII con Antonio Raimundo Ibáñez (1749, Santa Eulalia de Oscos, Asturias-1809, Ribadeo, Lugo). Ibáñez, instalado en Ribadeo desde 1768, dedícase a actividades mercantís, negocios navieiros e dirixe a Real Compañía Marítima que se funda en 1784. Por iniciativa propia crea na parroquia de Santiago de Sargadelos (Cervo, Lugo), autorizado por Real Cédula de 1791, un establecemento siderometalúrxico para a fabricación de ferro dúctil e potes de ferro que naquela época eran importados de Bordeus. A isto, engade unha fábrica que en 1806 inicia a súa produción de louza fina a imitación da de Bristol.
De concepción moderna, esta fábrica daría transcendencia ao nome de Sargadelos e competiría coas importacións inglesas. Este complexo industrial que axuntaba espazo produtivo e residencial foi planificado para aproveitar a forza hidraúlica das proximidades, as materias primas da comarca (ferro, madeira, caolín) e a proximidade do porto de San Ciprián para o transporte da produción. Na conxuntura de loitas pola guerra da Independencia que inutiliza outras Fundicións estatais, a de Sargadelos reorienta a súa produción, de forma intensiva ata 1815, e convértese na principal provedora de municións de guerra para o exército. Recibe o título honorífico de Real Fábrica e benefíciase dos privilexios que, pola súa vinculación ao Estado, a política proteccionista borbónica ofrece como apoio á industria. Ibáñez, ao que se lle condece o título de Marqués de Sargadelos, morre en 1809 en circunstancias violentas. A recentemente creada Fábrica de louza e a Fundición pasarán por diferentes avatares. Varias aperturas e peches, cambios na dirección e administración da empresa ata o seu peche definitivo en 1875.
A etapa máis produtiva da Fábrica de louza na que se introducen os últimos adiantos en canto a tecnoloxía industrial, abrangue desde 1845 a 1862. Da Fundición sairían potes, balaustradas e grupos escultóricos que darían fama á siderurxia de Sargadelos, tamén outros útiles de demanda civil como cociñas, estufas, paragüeiros, cociñas, cacerolas ou rodas hidraúlicas.
En 1972, a pedimento do Laboratorio de Formas de Galicia, o Ministerio de Educación e Ciencia declarou Conxunto Histórico Artístico o antigo complexo industrial creado por Antonio Raimundo Ibáñez.