A cerámica de Sargadelos

Nesta sala expóñense unha selección de pezas de cerámica procedentes da Real Fábrica de Sargadelos, fundada en 1806 por Raimundo Ibáñez en Cervo (Lugo), ata o seu peche definitivo en 1876.

A exposición divídese en catro etapas que se corresponden co funcionamento e os peches da fábrica, nas que se diferencian pezas de estilos e series decorativas variadas. A cerámica evoluciona dende a cor branca ata a louza con decoración pintada á man ou estampada, inspirándose inicialmente en modelos da cerámica inglesa do século XVIII. Entre as series decorativas, distínguense as vistas reais, a serie chinesca, as vistas imaxinarias, a serie infantil ou a serie con escenas do Quixote, entre outras.

De entre as pezas expostas nas vitrinas, destacan modelos particulares da fábrica de Sargadelos como os floreiros de 5 dedos que están presentes en todas as etapas, aínda que con diferentes técnicas decorativas segundo a época. Tamén salientan outros exemplos como os chamados Mambrús, xerras de cervexa que adaptan as formas dos Tobby ingleses, xunto con vaixelas completas e outras personalizadas con anagramas ou iniciais, botes de farmacia e accesorios de escritorio que completan a colección.

Obras nesta sala