Imaxe:

O gaiteiro

Cronoloxía:
1876

En primeiro termo dúas figuras masculinas, adulto e neno, detéñense no medio dun angosto carreiro de montaña rodeado por rocas e vexetación  boscosa que ten como fondo unha ampla celaxe cuberta por nubes esbrancuxadas. O gaiteiro, viste camisa e  calzóns ( cirolas) de liño, chaqueta curta de pescozo alzado e  calzón de veludo escuro. O  calzón ten abertura polo bordo exterior da  perneira, pechada por botóns metálicos. Sobre os zapatos leva  polainas de veludo escuro con  pompóns. Cobre a cabeza cunha monteira rematada en  pompón. Esta indumentaria corresponde ao traxe de gala da área das Mariñas da Coruña, propio desta época e herdado polos coros e cuartetos posteriores. Porta unha gaita de fol azul con flocos e  pompón avermellados e da que suxeita o  ronquete coas súas mans. Destaca especialmente a parte superior con longo  roncón, flocos e  borla. 

O neno  tamborileiro, viste camisa e  calzón brancos, chaleco con dobre fila de botóns metálicos, faixa rosada e monteira con amplo  pompón. Suxeita o tamboril ao pulso con dúas tiras de coiro, técnica que quizá teña influencia francesa traída durante a invasión napoleónica. Este tipo de cadros de carácter rexionalista nos que se representan escenas costumistas, fanse habituais a partir da segunda metade do século  XIX. É un exemplo da iconografía de tipos populares, representando un músico gaiteiro caracterizado coa indumentaria e instrumentos propios e que se acompaña por un  tamborilero. O feito de que os pintores os retratasen é indicativo da valoración que a música popular autóctona comezaba a adquirir neste último cuarto do século  XIX, e que hai que poñer en relación coa valoración da cultura propia e a música popular no contexto do  Rexurdimento. A obra destaca polo tratamento realista dos personaxes e da paisaxe que enmarca a escena, o que denota a especial formación académica de que gozaba Jaspe Moscoso.

Folla técnica

Número de inventario:
5295
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Romanticismo
Cronoloxía:
1876
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Instrumentos musicais
Costumista. Tipos populares
Procedencia:
Depósito Xunta. Depósito: López Ramirez, Paloma (30/05/2005)
Historial:

Figurou na Exposición Rexional de Lugo en 1877, (a obra aparece titulada no Catálogo como Un gaiteiro e tamborilero). Obtivo Medalla de bronce.

EXPOSICIÓNS:
Ano 2013: Rosalía de Castro. No principio foi o verso. Fundación Rosalía de Castro. Sede: Fundación Barrié, Vigo, 15-05-2013 a 15-09-2013.

Medidas:
Con marco: Altura = 209 cm; Anchura = 125,5 cm; Profundidade = 6,5 cm
Lenzo: Altura = 190 cm; Anchura = 106 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro