A colección do século XIX

A sala 4 supón un recorrido pola pintura, a escultura e as artes decorativas do século XIX, unha época de transformacións económicas e sociais que traen consigo cambios no ámbito artístico. Novos temas, novas técnicas e novos clientes, xa que a burguesía será a principal demandante dunha arte que sexa representativa da súa modernidade e progreso, ademais de obxectos de uso diario que reflicten o estilo e as modas do momento.

Esta nova burguesía será a protagonista de retratos que resalten o seu prestixio social, deixando atrás ao clero e á nobreza. Este xénero pictórico vai evolucionando dende a idealización propia do mundo romántico, notable en pintores como Federico Madrazo e Dionisio Fierros; ata a visión máis realista de outros artistas coma Joaquín Vaamonde, integrante da Xeración Doente.

Sen dúbida, un dos grandes xéneros do século é a paisaxe. Por un lado, as obras amosan unha concepción fantástica da natureza propia do Romanticismo, encabezado en España por Jenaro Pérez Villaamil; doutra banda, os pintores realistas aportan unha execución inmediata e precisa, ao aire libre e cun notable estudo da luz, visible en pezas como as de Carlos de Haes e nas dalgúns membros da Xeración Doente coma Ovidio Murguía.

En canto aos temas, un dos grandes asuntos foi o realismo social, onde os artistas representan o seu entorno cun marcado compromiso político coas clases populares, polo que serán tamén habituais na arte desta época as escenas da vida cotiá.

Por último, na segunda metade do século destaca o nacemento do Rexionalismo. Os intereses dos artistas miran agora aos tipos populares, plasmando temas de actualidade, narracións e pintura de historia, representada nesta sala con obras como as de Román Navarro, ou as esculturas de Isidoro Brocos.

Obras nesta sala