Imaxe:
A picota
Folla técnica
Número de inventario:
6465
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Cronoloxía:
1865-1875
Clasificación:
Pintura
Medidas:
Con marco: Altura = 60 cm; Anchura = 48,5 cm
Lenzo: Altura = 44 cm; Anchura = 32 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
Obra restaurada
Estado de conservación
A obra é un lenzo pintado ao óleo adherido posteriormente a un soporte de táboa. Aprécianse sinais de chinchetas na zona superior e no lateral dereito. Aínda que o seu estado é aceptable, amosando só pequenas lagoas e repintes e lixeira oxidación de verniz, a suciedade superficial é moi considerable, afectando a lenzo e marco, polo que fai aconsellable a súa intervención.
Restauración
O tratamento consistíu na limpeza do reverso para eliminar a suciedade superficial e restos adheridos de tiras de papel no perímetro da táboa, limpeza superficial do anverso e eliminación de pequenos repintes, estucado, reintegración cromática de pequenas lagoas e vernizado final.
A picota sinálase como unha obra singular de Fierros polo sentido da realidade e a captación de detalles nunha escena bañada pola luz do mediodía que transcorre nun pobo con casas de pedra ao redor dun camiño e cunha paisaxe de cerros ao fondo. O título alude ao monumento de pedra que centra a composición, arredor do cal se sitúan varios personaxes da época, algúns arredor do monumento e outros nun segundo termo contemplando a escena.
A picota simbolizaba, ata o primeiro terzo do século XIX, o señorío dunha vila e servía tamén como lugar para a exhibición pública ou lugar de condena dos acusados. Trátase dunha grosa columna na que sobresaen catro cabezas de dragón e máis arriba un escudo, coroando o conxunto un pináculo de estilo gótico.
A picota pintada por Fierros asociouse tradicionalmente na bibliografía cunha paisaxe de Salamanca, pero novos estudos vincúlana coa localidade cacereña de Jarandilla de la Vera, nome co que aparece titulada a fotografía realizada por Charles Clifford en 1858 que Fierros tiña na súa colección. O pintor reproduciu a mesma escena variando unicamente a posición do rostro da muller que ocupa o centro da composición.