Fierros, Dionisio

Ballota
-
05/05/1827
Madrid (m)
-
24/06/1894

Dionisio Fernández Álvarez (Artisticamente autodenominouse Dionisio Fierros Álvarez) (Ballota, Cudillero, Asturias, 1827-Madrid, 1894). Enviado a Madrid para aprender o oficio de xastre co seu tío, conseguiu a protección dunha familia que o introduce no taller do pintor máis consagrado por entón, José de Madrazo e dous anos despois pasou a ser discípulo do seu fillo, Federico de Madrazo. Á vez, asistía a clases na Academia de San Fernando e o Museo Real do Prado.

Fierros tratará de situar o seu éxito na escena de costumes, xénero naquel tempo en plena expansión. Fronte á tendencia dominante na arte española do momento de plasmar escenas costumistas andaluzas, madrileñas ou norteafricanas, Fierros vai explorar o costumismo galego. Realiza dúas estancias en Galicia, a primeira entre 1855 e 1858 e a segunda entre 1872 e 1877, que encadran o seu período de madurez.

Os anos da súa primeira estancia céntranse en Santiago e son o punto de partida para a creación dunha pintura compostelá e, por extensión, galega. Santiago era unha cidade que lle permitía explorar un costumismo inédito e a través del, lograr ser un pintor orixinal como demandaban as poéticas da época. Fierros pertence á xeración que cambia o romanticismo de concepción fantástica e imaxinativa representada por Villaamil, Lucas ou Alenza, por outra plenamente naturalista que fai honra ás poéticas que se impoñen en España a mediados do século XIX.

Por outra banda, a súa faceta de retratista permítelle gañarse o sustento, como retratista percíbense os ensinos recibidos de Madrazo: a aproximación do modelo ao primeiro termo, o utilizar mobles para xerar a sensación de tridimensionalidade, a captación de luz como efecto modelador e para crear a sensación de atmosfera, e o toque de luz na pupila e o engurrar a comisura dos beizos para darlles expresividade aos modelos.

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • S. M. el rey Amadeo de Saboya (#3654 - Cuadro - Lienzo - Pintura al óleo)