Imaxe:
San Xoán de Mata renuncia ao doutorado e acéptao logo por inspiración divina
Folla técnica
Número de inventario:
6263
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Barroco
Cronoloxía:
1632-1634
Clasificación:
Pintura
Sala:
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (14/06/2011)
Medidas:
Con marco: Altura = 246,3 cm; Anchura = 240 cm; Profundidade = 7 cm
Lenzo: Altura = 240 cm; Anchura = 234 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
Esta obra representa o momento en que San Xoán de Mata recibe a oferta de ostentar o título de Doutor que nun primeiro momento rexeita; con todo a obra déixanos ver outra escena onde ao santo se lle aparece San Pedro recomendando que acepte e, máis ao fondo, complétase a narración coa escena onde acepta definitivamente o grao de Doutor ante todos os membros do Senado de Sabios. A identificación do asunto deste lenzo está recollida na Crónica General de la Orden de la Santísima Trinidad escrita por Fr. Pedro López de Altuna e publicada en 1637. A observación desta obra trae ao recordo a pintura de tradición escurialense dos primeiros tempos do século XVII en España. Carducho presenta as diferentes fases narrativas coa axuda dos efectos creados no tratamento de luces e sombras, enmarcándoas nun escenario arquitectónico de grande equilibrio compositivo e austeridade decorativa que lembra as súas experiencias no Escorial onde traballou xunto a artistas italianos como Zuccaro. En definitiva pódese dicir que o desenvolvemento da obra móvese dentro dun ambiente de clasicismo tardo renacentista que camiña cara a un naturalismo descritivo que estaba cada vez en maior apoxeo por aquela época. Dentro da pintura relixiosa, as series encargadas por mosteiros e conventos sobre os seus santos fundadores suporán unha produción importante para os artistas españois do barroco. Neste caso trátase de San Xoán de Mata que foi cofundador, xunto con San Félix de Valois, da Orde dos Trinitarios, comunidade relixiosa dedicada ao rescate dos cativos. San Xoán de Mata foi venerado polos Trinitarios desde o século XIII e o seu culto foi autorizado a partir do século XVII. Esta obra formaba parte dunha serie de doce lenzos realizados entre 1632 e 1634 para a igrexa do convento dos Trinitarios en Madrid, representando a vida dos seus dous santos fundadores. Coa desamortización de Mendizábal o conxunto de obras pasaría ao Museo da Trindade, conservándose posteriormente boa parte da serie no Museo Nacional del Prado. O Museo de Belas Artes conta con outro lenzo desta serie: Ordenación e primeira misa de San Xoán de Mata.