O Barroco

Sala 2 pechada temporalmente

A sala 2 dedícase á pintura barroca europea do século XVII, con exemplos de España e Flandres. Os cambios sociais, políticos e relixiosos traen novos temas como o bodegón, a mitoloxía clásica, as arquitecturas, a pintura de flores ou as escenas cotiás.

En España, os principais encargos proveñen da Igrexa e a monarquía, que puxo o seu poder ao servizo da defensa da fe católica. Grandes lenzos relixiosos coma os de Vicente Carducho ou as escenas bíblicas de Francisco Rizi, reflicten os ideais da igrexa católica para responder á reforma protestante iniciada por Lutero.

Doutra banda, a casa dos Austrias mantiña un grande interese pola mitoloxía clásica, especialmente polos temas heroicos e a figura de Hércules como representación do poder da monarquía. Este interese motivou a relación mecenas-artista entre Felipe IV e Peter Paul Rubens, a quen lle encargou a decoración do novo pavillón de caza no monte do Pardo, na desaparecida Torre de la Parada. Deste  proxecto destacan as táboas preparatorias Dédalo e o Minotauro e Psique.

Destacan tamén artistas especializados en bodegóns, como Juan de Arellano, e outros especialistas en escenas cotiás e interiores como Theodoor Rombouts ou Frans Francken II, que complementan a visión dos xéneros pictóricos durante o século XVII.

Obras nesta sala