Luís Seoane

Un retrato de Seoane...

A figura de Luís Seoane é a dun artista polifacético que vai moito máis alá da pintura: debuxante, gravador, muralista, poeta, periodista, editor e promotor dun sinfín de iniciativas culturais.

Nado en Bos Aires en 1910 no seo dunha familia de emigrantes galegos, regresa a Galicia coa súa familia en 1916. Pasa a súa infancia na Coruña e os seus anos de estudante en Santiago, onde realiza a carreira de Dereito.

Xunto a el, outros xoves comprometidos con Galicia forman o grupo de "Os Novos" que enmarcamos no Movemento Renovador da Pintura Galega. Algúns membros deste grupo están representados na colección do Museo, como Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro ou Laxeiro.

Co estoupido da Guerra Civil vese na obriga de exiliarse a Bos Aires, onde experimentará coas innovacións plásticas. O seu estilo irá evolucionando ata a década de 1960, momento no que xa apreciamos un estilo recoñecible e “de seu”. Seoane buscará fusionar a tradición popular da arte galega coas vangardas europeas.

Un dos seus grandes obxectivos foi o de lograr unha integración de todas as artes, sempre coa intención de achegar a arte a todos os públicos. É un artista enormemente comprometido coa nosa terra, xa que fará de Galicia a gran protagonista da súa obra.

 

O seu estilo

Na súa arte existe unha tendencia á simplificación. Na maior parte da súa obra plástica entenderá a liña e a cor como entidades independentes.

A cor

Será o elemento fundamental na pintura de Seoane. Non haberá matices cromáticos, medias tintas ou claroscuros. Formará grandes planos de superficies de cores planas, vivas e intensas. Dominan a cor vermella, o azul índigo e o laranxa. Disociada da liña, a cor expándese polo lenzo en forma de campos xeométricos, acentuando a rixidez nas súas escenas.

A liña

Os trazos independentes de pintura negra estruturan a composición. O trazo deixa de ser un debuxo ou límite da figura, convertíndose nunha simple indicación dun detalle (un rostro, uns peitos, unhas mans...).

 

Os temas na obra de Seoane

Bodegón

Sen ser o tema máis habitual da súa obra, foi un xénero que Seoane cultivou ao longo das súas diferentes etapas artísticas. Desde os seus exemplos máis expresionistas ata alcanzar a síntese formal que alcanzaría toda a súa pintura. 

As súas naturezas mortas constituíron un magnífico campo de ensaio para a construción do seu estilo. 

Na maior parte dos seus bodegóns vemos composicións integradas por non máis dun ou dous obxectos cotiáns, case sempre dispostos sobre unha mesa. A súa tendencia á xeometrización aparece moi clara nos bodegóns que forman parte da colección do museo.

Moitos dos seus bodegóns beben da influencia do cubismo de Picasso, autor ao que Seoane admiraban profundamente. 

 

A Muller

Boa parte da obra de Luís Seoane xira ao redor de Galicia e da súa representación a través da figura feminina. A muller traballadora e a representación feminina a modo de emblema foron os prototipos que máis veces representou. 

Na obra de Seoane as mulleres represéntanse de xeito rotundo, ocupando a maior parte do lenzo. As veces en pequenos grupos e outras de xeito individual, adoitan simbolizar a propia terra galega; convertíndose en verdadeiras iconas. 

 

A Natureza 

A natureza e a paisaxe foi outro dos temas máis representados por Seoane. 

Desde o seu exilio comezou a "figurar recordos" da súa Galicia natal. Desde a lembranza representará tanto paisaxes rurais como urbanas nas que o campo e o mar serán protagonistas. Tamén representará os astros con distintas simboloxías e reminiscencias celtas. 

As súas paisaxes son vividas e, moi habitualmente, cheas de saudade e melancolía. 

 

Guerra e Denuncia Social

Movido polo seu forte compromiso político e social, Seoane puxo especial acento en denunciar os abusos inflixidos ao pobo, as desigualdades e a precariedade laboral. Neste sentido, o tema da emigración e o exilio destacou especialmente. 

Tamén a experiencia da Guerra Civil e as súas consecuencias serán representadas en boa parte da súa produción; creando a crónica dun país convulso. 

Estas obras subliñarán máis que nunca a clara intención de reflexión social que ten a obra de Seoane, así como esa vocación de facer arte cunha utilidade social. Coa súa obra máis combativa tentou dar voz ao pobo.

 

Mitos, tradicións e lendas

Nestas obras Luis Seoane quere representar un pasado intemporal de Galicia, creando un sentimento de orgullo e identidade diferenciada. Nestas creacións reinterpreta certos mitos e lendas da cultura oral, outorgándolles unha estética celta e medievalista.

Documentos:
Anexo Tamaño
Deconstruíndo a Luís Seoane_1.pdf 1.22 MB