María Victoria de la Fuente
Un retrato de María Victoria de la Fuente
Vigo, 1927 - Madrid, 2009
María Victoria de la Fuente Alonso, filla do coñecido arquitecto Genaro de la Fuente, foi unha extraordinaria pintora que dende moi cativa mostrou inquietudes artísticas. Tras unha formación de debuxo con Carlos Maside durante o bacharelato, mudouse a Madrid onde se seguiu formando con Julio Moisés, quen a animou a asistir a clases libres na Escola de San Fernando. En 1953 comezou a súa actividade artística participando en exposicións colectivas como a homenaxe a Vázquez Díaz e na Exposición Itinerante organizada pola Compañía Ibarra. Isto non freou a súa formación, xa que nesa época viaxou a París, Países Baixos e Italia para coñecer a obra de grandes mestres da pintura. No 1962 celebrouse a súa primeira exposición individual no Ateneo de Madrid e a partir de entón a súa carreira disparouse participando e organizando un gran número de mostras nas que recibiu premios e galardóns.
O seu estilo
Os comezos pictóricos poden asociarse á neofiguración, chegando case á abstracción a través do tratamento da cor e a materia. Sufriu un lento proceso evolutivo ata chegar aos anos sesenta, a partir dos cales tomou do informalismo e do expresionismo elementos pictóricos que fixo seus, como o valor primordial que lle deu ás calidades dos obxectos nos seus bodegóns. Adoptou co tempo unha linguaxe pictórica baseada nas texturas do material e no tratamento da luz, elementos primordiais que adoitou plasmar cunha pincelada rápida provocando a borrosidade dos perfís.
O bodegón
Aínda que traballou outros xéneros, os bodegóns de María Victoria de la Fuente consagrárona como a talentosa artista que foi. Adoitaba escoller espazos interiores, silenciosos e misteriosos, que iluminaba con gran mestría a través dunha fiestra. Sobre unha mesa presentaba unha composición sinxela de obxectos perfectamente interrelacionados; nos exemplos do museo podemos ver un ramo de flores, varios elementos de vaixela con alimentos, ou algunhas das súas constantes temáticas como a cesta con cogomelos ou ferramentas de traballo (pinceis e pintura). Nestes interiores, a autora foi capaz de lograr unha atmosfera conmovedora, coa que ademais de deixar reflectida a súa destreza co debuxo, xera ilusionismo dentro do lenzo. Son pinturas sensibles coas que nos achega a espacios íntimos como o seu propio estudo.
Descarga a guía didáctica a continuación ↓
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| aprendendo-con-ma-victoria.pdf | 1.99 MB |