Urbano Lugrís
Un retrato de Urbano Lugrís
A Coruña 1908 - Vigo 1973
Urbano Lugrís González naceu na Coruña nunha familia con forte implicación cultural e política, cousa que afectou á súa arte. Aínda que foi un artista eminentemente coruñés viviu tamén en Madrid e en Vigo. Nos seus anos na capital relacionouse con moitos artistas, movéndose nun ambiente bohemio que caracterizou a súa personalidade. Alí puido visitar numerosas veces o Museo Nacional del Prado e coñecer algunhas das obras mestras que lle serviron de inspiración ao longo da súa producción artística. Algo moi interesante de Lugrís é que non recibiu unha ensinaza artística específica, senon que aprendeu a pintar de xeito autodidacta.
Coñéceselle especialmente como pintor, mais tamén foi muralista, escenógrafo, editor e escritor. Algúns dos seus textos publicados en revistas foron firmados co pseudónimo “Ulises Fingal”, unha especie de álter ego do autor. Foi un personaxe enormemente carismático e imaxinativo que levou a súa arte e a súa visión do mundo a todos os planos da vida.
Estilo e temas
Na súa obra escrita e pictórica atopamos numerosos referentes relacionados coa mitoloxía, o mundo mariño e a literatura. Especialmente significativo para el foi a escrita de Julio Verne. A súa obra plástica lévanos ás profundidades da imaxinación do autor, transportándonos ao seu universo interior. Creador de mares fantásticos, de illas mergulladas no fondo do mar, de sereas azuis, de ceos misteriosos, de buguinas xigantes e mastros de barcos afundidos. O pintor coruñés soña un océano máxico e píntao con tanto detalle que parece que ese soño é real como se o mar abrise as súas portas para nós. Lugrís pinta cunha pincelada moi miúda que lle permite gran detallismo. As cores que utiliza son normalmente frías; destacando negros, verdes azuis e violetas en numerosas tonalidades. As súas formas tenden á xeometrización.
Descarga a guía didáctica a continuación ↓
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| aprendendo-con-lugris.pdf | 2.92 MB |