TOMÁS BARROS. Doazón

02.05.2024-15.09.2024
-
Foro, espazo de acollida do Museo
Organiza:
Museo de Belas Artes da Coruña
Patrocinado:
Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Catálogo:
Non

Tomás Barros Pardo (1922-1986) A doazón de Araceli e Tomás Barros Cao

O Museo de Belas Artes da Coruña presenta a doazón á Xunta de Galicia de 22 obras de Tomás Barros Pardo, realizada en 2017 polos seus fillos Araceli e Tomás Barros Cao, con destino ao Museo e Belas Artes da Coruña a través da Dirección Xeral de Cultura.

Trátase dunha colección composta de 7 óleos, 4 debuxos realizados en ceras de cores sobre papel, 1 acuarela e 10 gravados coa técnica de linografía, que veñen a completar a representación deste artista na colección do Museo. Estas obras permítennos coñecer a súa faceta artística como pintor e gravador. A súa obra plástica está moi vinculada á creación intelectual que desenvolveu en disciplinas como o teatro, a poesía, o ensaio, os estudos de estética e de pensamento.

 

O artista

Tomás Barros Pardo (1922-1986). De pais galegos, nace en Toledo en 1922 e desde a nenez instálase coa súa familia en Ferrol onde recibe clases do pintor Felipe Bello Piñeiro. Cursa estudos de Maxisterio e desprázase a Madrid en 1947 para estudiar Belas Artes na Escola de San Fernando. Nesta época abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea, empeza a escribir as primeiras novelas e a interesarse pola filosofía e a literatura.

Obtida a licenciatura volve a Ferrol, onde traballa como profesor de debuxo e funda en 1952, con outros poetas, a revista cultural Aturuxo que ilustraría o seu curmán Isaac Díaz Pardo. Traslada a residencia a Coruña en 1959, onde compaxinará a docencia coa creación artística e intelectual. Participa nos faladoiros da época, publica artigos sobre a pintura galega e funda con Luz Pozo en 1975 a revista de poesía e crítica Nordés, na que colaborou Luís Seoane como ilustrador.

Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1980 e membro de número da Academia Galega de Belas Artes en 1986, ano no que falece na Coruña.

Tomás Barros tivo unha estreita vinculación co ambiente cultural da Coruña tanto pola súa ampla tarefa docente como polas súas relacións cos pintores e intelectuais da época, como Urbano Lugrís, Luís Seoane, Rafael Dieste, Isaac Díaz Pardo, Miguel González Garcés, Carlos Martínez Barbeito ou Felipe Criado.

 

Contido da exposición

As obras preséntanse na exposición formando dous grupos segundo a súa técnica: a obra pictórica, realizada con óleo, acuarela e ceras, e a obra gráfica.

A obra pictórica

Como froito da búsqueda dun estilo pictórico persoal, nas súas creacións mestura as vangardas analíticas (cubismo e futurismo) e as expresionistas. A afinidade de Barros coas vangardas europeas dará como resultado unha linguaxe plástica na que renuncia a representar a perspectiva tradicional e na que as cores son as que constrúen as figuras e os fondos.

O cubismo e o futurismo lévano a facer un estudo analítico das formas a base de planos xeométricos, como sucede en obras datadas nos anos 60 do século XX como son Autorretrato e Muller na beira do río. As liñas diagonais que aparecen no conxunto de debuxos realizados con ceras xeran o ritmo dinámico que define a estética futurista.

A conexión coa corrente expresionista prodúcese tanto no aspecto formal, co uso da cor como recurso expresivo, como nos seus contidos sociais froito da experiencia de sucesos dramáticos, como as guerras que viviu a súa xeración.

Nas décadas dos anos 70 e 80, en óleos como Leñadores, Fusilamentos, Músicos, Estudo de Sansón e Dalila, de acordo coa tendencia sintética que adoptou o pintor, as cores aparecen cubrindo superficies planas e son usadas ademais como recurso expresivo, tal é o caso da cor negra que remarca a carga dramática nas escenas da serie titulada Fusilamentos que concibiu como obra de denuncia.

A obra gráfica

O conxunto de 10 gravados realizados nos anos setenta como Segador, A lareira, Canteiros ou Varando a barca, vincúlase coa corrente creada pola Estampa Popular Galega entre 1968 e 1970. Esta agrupación de artistas interesados polas artes gráficas e pola temática popular, tivo como impulsores a Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e seguía a pegada reivindicativa dos artistas renovadores galegos (Castelao, Maside, Souto ou Colmeiro).

A técnica da linografía permitiulle a Barros crear grandes planos monocromos en sintonía coa tendencia sintética e fortemente expresiva da súa plástica.

 

Catálogo da exposición

Publicarase un catálogo co título Tomás Barros. Presentación da doazón.